Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de detectar de novo outro acto vandálico contra as marquesiñas de bus situadas na rúa Trasdeza. Recibida a alerta por parte de persoas usuarias das mesas e feitas as comprobacións oportunas, nos últimos días detectouse que alguén retirou os tornillos de suxección das láminas de cristal –de grandes dimensións-que conforman as dúas paradas principais de autobús da vía.
“É un acto de extrema gravidade, xa que ao quedar as láminas soltas, mesmo cun golpe de vento, os cristais poden desprenderse co perigo que iso conleva”, explica o alcalde, Manuel Cuiña. Os servizos municipais de mantemento xa procederon, unha vez revisadas as dúas estruturas, a colocar novamente os elementos de suxección, se ben nas últimas horas se comprobou que novamente volveron a faltar algunhas pezas.
Publicidade
“É un acto temerario que pon en risco a vida das persoas usuarias destas paradas, polo que de localizar á persoa ou persoas responsables, se actuará con todo o peso da Lei”, engade o rexedor.
Publicidade
A Policía Local intensificará a vixiancia neste punto se ben dende o goberno municipal se apela tamén á colaboración cidadá para dar cas persoas autoras desta “temeridade que vai máis aló dun simple acto vandálico”, engade. Este suceso supón un serio risco para a cidadanía de Silleda –tanto para as persoas usuarias das liñas de transporte por carretera como para calquera persoa viandante, e polo tanto vaise aumentar a vixiancia policial nesta céntrica zona de Silleda.
Comentários