A maioría van dirixidas ao alumnado dos centros educativos do municipio
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces comezará en breve a impartir xornadas de concienciación sobre a igualdade de xénero. Para iso a concelleira Mireya Otero xa se puxo en contacto cos centros educativos da vila onde se ten previsto dar algunhas desas charlas.

Para o alumnado de terceiro e cuarto de Secundaria do IES Marco do Camballón está dirixida unha que leva por título Navega en positivo. Consiste nun programa para o emprego responsable das redes sociais desde unha perspectiva de xénero. En concreto, será un obradoiro de dúas sesións que terá unha hora de duración cada un dos grupos participantes.
No caso do alumnado de primeiro e segundo da ESO do IES Marco do Camballón levarase a cabo unha sobre As caras do maltrato, un obradoiro sobre a violencia de xénero. Será unha única sesión de dúas horas con cada un dos cursos e grupos participantes.
Tamén se impartirán outra á clase de sexto de Educación Primaria nos dous centros educativos do concello: o CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade e CEIP Cerdeiriñas, co título Na casa, tod@as iguais xincana da corresponsabilidade. É obradoiro onde se traballará o concepto de corresponsabilidade e estarán estruturados en dúas sesións dunha hora para cada curso.
Así mesmo, impartirase dentro deste plan un ciclo de charlas sobre a igualdade e violencia de xénero dirixidas ao tecido asociativo, nas cales entrarían as asociación de empresarios/as, asociacións deportivas, ANPAS e familias en xeral co título Ponte na súa pel cunha duración de dúas horas cada unha segundo o colectivo ao que van dirixidas.
Mentres baixo a denominación Cóidate muller ofrécese un ciclo de charlas sobre a saúde feminina, unhas charlas dirixidas especificamente a mulleres, dividido en catro sesións de dúas horas de duración cada unha, coas seguintes temáticas: Como detectar e/ ou previr demencias; Sexualidade e muller; Alimentación saudable para mulleres e O poder das emocións positivas.
Comments