top of page

O Concello de Vila de Cruces presenta o 'Plan Concilia 2021' e cursos de natación para este verán

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces presentou o Plan Concilia deste ano para nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse en fraccións de quincenas sendo a primeira do 1 ao 16 de xullo, a segunda do 19 ao 30 de xullo; a terceira do 2 ao 13 de agosto e a última do 16 ao 27 de agosto.


Todas estas actividades terán dúas quendas de horarios: un de mañá que comprenderá desde as 9:00 ás 14:00 horas, e outro de 10:30 a 14:00 horas, e a recepción e recollida dos participantes realizarase no pavillón municipal de Deportes de Vila de Cruces. Mentres, as instalacións nas que se desenvolverán as actividades serán: pavillón de deportes, recinto do colexio cruceño, o parque que está situado nas proximidades da residencia de maiores, o Auditorio Xosé Casal, a piscina municipal e nas zonas exteriores próximas ao pavillón.


As inscricións poderanse presentar no rexistro do Concello ou ben a través da sede electrónica a partir do 14 de xuño, para as cales terán que achegar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI do/a pai/nai ou titor legal.

b) Copia do libro de familia

c) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio; ou da resolución xudicial que estableza as medidas paternofiliais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e /ou do convenio regulador, de ser o caso.

d) Certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, de ser o caso.

e) Copia da Declaración da renda das persoas físicas do ano 2020, que compoñan a unidade familiar.

f) Certificado de traballo, copia da última nómina, etc, que xustifique a situación laboral do pai e/ou a nai no caso de traballadores por conta allea.

g) No caso de autónomos, certificado de alta no Réxime Especial de Traballadores por conta propia ou Autónomo ou último recibo de pago.

h) Informes médicos das persoas proxenitoras que estean de baixa por enfermidade ou maternidade, que xustifiquen a imposibilidade de atender aos seus fillos/as.


O Concello comprobará de oficio o empadroamento dos participantes e dos seus proxenitores. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.


O prezo do programa será o seguinte:

Da primeira quenda, con horario de 9:00 a 14:00 horas, será de 30 euros por quincena e a segunda, dende as 10:30 a 14:00 horas, será 20 euros por quincena. O pago realizarase no número de conta habilitado polo Concello de Vila de Cruces.


Cursos de natación

Ademais do Plan Concilia o Concello pon en marcha os cursos de natación, unha iniciativa de atención á infancia e aos adultos, que permite a posibilidade de aprender a nadar ou perfeccionar a técnica de natación. Esta actividade está destinada a maiores de seis anos que xa teñan coñecementos básicos de natación.


A actividade levará a cabo no mes de xullo do 6 ao 30 e no mes de agosto do 3 ao 27, dividindo os participantes en catro grupos segundo os seguintes horarios, de 11:00 a 11:40, de 11:55 a 12:35, de 12:50 a 13:30 e un horario para adulto de 15:00 a 15:40, aínda que poderán axustaranse ao nivel de participantes que se inscriban, podendo facelo nas dependencias municipais ou a través da web, acompañada da fotocopia do DNI do titor do menor.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page