Taboada cre que "hai que situarse" e acordar con toda a Corporación de Vila de Cruces as accións que se van a levar acabo cos parques eólicos no municipio
Laura Moure/Deza
O Concello de Vila de Cruces convoca un pleno extraordinario para xoves para consensuar as actuacións dos parques eólicos, dada a situación de incertidume na que se atopa este municipio ante os numerosos parques eólicos que se están a promover e a tramitar por parte das empresas como Green Capital Power e Greenalia.
En Vila de Cruces existe a posibilidade de implantación dos seguintes parques eólicos:
• Parque eólico da A Cunca ( en proceso de información pública por parte da Consellería de Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación que remata o día 18 de maio de 2021)
• Parque eólico de Rodeira.
• Parque eólico de Axouxere.
• Parque eólico de Mesada
• Liña de evacuación do parque eólico de Monte dos Porcallos ( Lalín).
• Liña de evacuación do parque eólico de Cima de Vila (Agolada).
"Os técnicos do Concello comprobaron que se esta a levar a cabo unha fragmentación en diferentes parques eólicos, tratando cada un como unha unidade funcional e única; cando en realidade, se pode comprobar que, por exemplo, os parques de Axousere, A Cunca e Rodeira forman un conxunto que depende unha instalación da outra, dado que as liñas de evacuación dos mesmos de conectan entre elas para chegar ao punto final de evacuación na subestación eléctrica de Silleda", apunta o Concello.
Por tal motivo, o grupo de goberno propón un pleno extraordinario o vindeiro xoves no cal se vai a consensuar as actuacións, que dende o Concello se van a levar acabo para presentar alegacións aos procedementos de tramitación de parques eólicos e liñas eléctricas asociadas que afecten ao municipio, naqueles enclaves non recollidos no Plan Eólico de Galicia, ou aínda dentro deles os que pola súa afección sexan inasumibles dende o punto de vista patrimonial, social, agrícola ou medioambiental, amosando o seu rexeitamento.
Cabe mencionar que hai un días o BNG de Vila de Cruces instou ao alcalde cruceño a convocar un pleno extraordinario co fin de crear unha fronte común coa veciñanza contra a invasión de parques eólicos que se aveciñan neste municipios. "O BNG leva implicado na loita da man da veciñanza dende os comezos da instalación das Torres de Redesa. O grupo nacionalista celebra a convocatoria de dito pleno para o xoves 22 de abril ás 9:00 horas, xa que nunha primeira xuntanza coa veciñanza, o alcalde pretendía alegar para a modificación do trazado da liña, e despois de ter escoitado as demandas do BNG e da xente afectada, accedeu á esta convocatoria para elaborar unha serie de alegacións en contra da súa instalación", apunta o voceiro nacionalista, Álex Fiúza. "Só agardamos, que PP e PSOE se sumen e poñan por diante os intereses da veciñanza e non os da Xunta e os do Estado", engade.
Loita do BNG de Lalín
Tamén o BNG de Lalín está sumando forzas para loitar contra os parques eólicos que tamén afectarán a este municipio. Este venres os nacionalistas lalinenses estiveron na parroquia de Goiás para que a xente puidese asinar contra os Megaparques Eólicos, mentres que o día anterior foi a quenda en Maceira. "Entre todos e todas imos parar este espolio", recalca o BNG de Lalín.
O BNG de Lalín durante a recolecta de sinaturas este venres en Goiás.
Comments