Estiveron dirixidos aos maiores, ás empresas, a parte do alumnado do colexio do municipio e tamén aos proxenitores e contou con moi boa participación
Laura Moure/Touro
A tecnoloxía, sabendo facer un uso correcto dela, deixa der ser unha inimiga para facilitar a nosa vida. E con este obxectivo Touro acolleu estas dúas últimas semanas unha decena de talleres para contribuír á formación das novas tecnoloxías. Estiveron dirixidos aos maiores, ás empresas, a parte do alumnado do colexio de Touro e tamén aos proxenitores. Contou con moi boa participación.
Esta iniciativa que promoveu o Concello forma parte dun proxecto de Ineco. En concreto, falamos do programa Ineco Rural Tic que se imparte en pequenos municipios de España, celebrando neste 2024 a súa segunda edición. En cada unha delas este plan beneficia a uns 55 concellos. Trátase dun modelo colaborativo que ten como obxectivo contribuír á dixitalización social e económica da sociedade que vive en entorno rurais, rompendo as barreiras que as afastan das novas tecnoloxías.
Ata Touro desprazáronse José Antonio Blázquez, enxeñeiro de Telecomunicacións, e Javier González Caballero, Enxeñeiro de Camiños, que ambos traballan en Ineco. Destacan dos veciños e das veciñas de Touro que asistiron que son “persoas abertas, afables, cunha moi boa disposición e con moitas ganas de aprender”. “Nós somos os que lles debemos dar as gracias a eles”, recalcan.
No apartado das empresas, centráronse sobre todo nas webs dos negocios e no seu posicionamento en Google. A maioría delas xa contan con web, aínda que sinalan que non todos as teñen actualizadas. Nos talleres faláronlles das novas obrigacións dixitais que van ter que enfrontarse as empresas, como é a factura electrónica e neste senso, abordaron a importancia do Kit Dixital. Este é unha iniciativa do goberno de España cuxo obxectivo é subvencionar a implantación de solucións dixitais dispoñibles no mercado para conseguir un avance significativo no nivel de madurez dixital.
No caso da formación para maiores, detectaron que todos os maiores de Touro que asistiron á formación dispoñen dun smartphone e a maioría interactúa con el. “Hai o que xa o emprega con soltura e outros que lles costa máis manexalo”, puntualizan. Aquí sobre todo, conseguiuse que perderan o medo á tecnoloxía e ver que o que fan o seus fillos cun móbil eles tamén o poden facer.
Así abordaron como poñer unha alarma no móbil, a busca en Google por texto, por voz... como facer videochamadas, como ler un Código QR por exemplo, nun restaurante; a importancia de saber mandar a ubicación a través de Whatsapp, como usar Google Earth, a mensaxería instantánea, a utilización da banca online ou como pedir cita a través da aplicación do Sergas. “A pedir cita si sabía xa gran parte deles, pero si lles ensinamos que coa chave 365, que foron a pedir todos ao momento, podían consultar a súas analíticas, por exemplo”, explica José Antonio Blázquez.
Ademais, ofreceron unha mini charla sobre a prevención de estafas das mensaxes chegadas ao móbil ou a través do Whatsapp. Así mesmo, como indica Javier González, faláronlle da aplicación de seguridade Life 360 que é unha aplicación que permite ver a ubicación en tempo real dos teus amigos e familiares e Medisafe que é unha aplicación de xestión de medicacións e que serve para recordarlle ao paciente a toma das menciñas.
Publicidade
O pasado xoves foi a quenda dos proxenitores. Dentro da Escola de Pais e Nais, Cano e González explicáronlle aos asistentes os riscos de internet e as pautas para intentar previlos e afrontalos. Mentres, o venres, foi o alumando de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO do colexio de Touro os que desfrutaron desta iniciativa. Con eles abordaron o contido que ven a través da internet; a pegada dixital, que é o conxunto de rastros de datos que se deixa cando se consulta en internet, ou que teñen que facer para evitar caer no ciberacoso, entre outras cuestións.
“Os asistentes quedaron supercontentos e xa están pedindo que para o ano volvan. Produciuse un importante vínculo entre eles e os profesores. Somos conscientes de que aprender sobre as novas tecnoloxías é todo un desafío, pero con esta formación, conseguimos que viran que a tecnoloxía non é tan mala nin difícil. Logramos saltar esa brecha e foi unha experiencia totalmente positiva”, destaca Angélica Lamas, concelleira de Servizos Sociais do Concello de Touro.
Commentaires