O Concello de Touro asegura que executou no 2024 "o maior orzamento da súa historia"
- ecosdacomarca

- 31 jul 2025
- 2 Min. de lectura
Subliña que destinou 3.799.479,10€ para a prestación de bens e servizos e a inversións en infraestruturas
Ecos da Comarca/Touro

O goberno do Concello de Touro sinala que executou no exercicio correspondente ó ano 2024 "o maior orzamento da historia do Concello, ascendendo os números a un total de 4.666.000,62 €, e de entre os que destacan 1.854.288,43€ destinados á prestación de bens e servizos, e 1.945.190,67€ a Investimentos Reais en Infraestruturas Municipais, o que supón un incremento de 1 Millón respecto ós Investimentos realizados en exercicios anteriores".

Publicidade
"Os datos da documentación que analiza a Execución Orzamentaria do 2024, revelan unha mellor execución orzamentaria que os relativos ós exercicios de 2022 e 2023, acadando o 65,06%", subliña o goberno local.

Acceso a subvencións destinadas a gastos finalistas
O Concello de Touro destaca que "multiplicou por 3 a súa financiación con cargo ós programas de subvencións das distintas administracións dende o 2022, o que se traduce nos seguintes datos: No ano 2022 conseguíronse 572.141,63 €uros de subvencións. No ano 2023 conseguíronse 1.336.166,52 € de subvencións. No ano 2024 conseguíronse 1.718,496,41 € de subvencións".
Publicidade
Resultado orzamentario
"A situación das contas do Concello permitiu adiantar o diñeiro das subvencións que aínda non foran ingresadas a Conta para pagar as actuacións realizadas, así como para afrontar outras inversións, isto vese reflectido na seguinte táboa nos puntos 3 e 4".

"Desta maneira o orzamento presenta un resultado final axustado de 404.284,08 €", conclúe o Concello.
Necesidade dun plan económico financeiro
Aínda así, explica o goberno local, que "o feito de que os gastos superaran os ingresos no exercicio de 2024, obriga ó Concello a elaborar un Plan Económico Financeiro para o periodo 2025-2026, que tamén se relaciona. No mesmo, inclúese o informe das causas que levaron á situación de maiores gastos que ingresos no exercicio económico, que resumidamente, se debe ó non ingreso de subvencións concedidas para obras que efectivamente foron executadas e pagadas, co que o Plan Económico non contempla medidas de maior calado que afecten á prestación de servizos nos vindeiros exercicios".
Este Plan Económico Financeiro 2025-2026, engade, "elaborado polo goberno municipal, foi informado e ten o visto bo do organismo de Tutela Financeira das Entidades Locais, dependente da Consellería de Facenda e Contas da Xunta de Galicia. Podes consultar toda a documentación da Liquidación do Orzamento 2024, e do Plan Económico Financeiro 2025-2026, no seguinte enlace á web municipal".








Comentarios