O Concello de Touro aposta por un novo espazo de lecer no parque Diéguez Reboredo
- ecosdacomarca

- 3 nov 2025
- 1 min de lectura
Ecos da Comarca/Touro
O Concello de Touro solicitará unha axuda nominativa á Deputación da Coruña para facer realidade un proxecto integral de humanización e mellora do parque Diéguez Reboredo, que converterá esta zona nun referente de lecer, deporte e convivencia para veciños e visitantes.

O proxecto inclúe:
A creación dun novo parque infantil, cuxo elemento principal será un gran multixogos deseñado para o desfrute de nenos e nenas de todas as idades. Contará tamén con elementos adaptados para persoas con discapacidade, garantindo así un espazo inclusivo e accesible.
Valorarase a súa cubrición nunha fase posterior, co obxectivo de poder gozar do parque en calquera época do ano.
Un bikepark, destinado ós cativos que se queiran iniciar no mundo BTT.
Un parque canino, cun circuíto de habilidades para que tamén as mascotas dispoñan dun lugar seguro e acondicionado.
A posta en valor da carballeira existente, coa creación dunha zona de descanso e convivencia integrada na natureza.
O proxecto levarase a pleno a vindeira semana.
Publicidade
No mesmo pleno tamén se aprobarán actuacións destinadas a mellorar a captación de auga municipal e reducir as perdas na rede, así como o proxecto integral de rehabilitación da piscina, que contemplará a reorganización do espazo e a creación dun parque anexo aberto durante todo o ano.
"Estes e outros proxectos serán presentados con detalle ao longo da semana. Con este proxecto, Touro segue a avanzar cara a un modelo de concello máis inclusivo e pensado para o benestar da veciñanza", sinala a administración local.







Comentarios