Ecos da Comarca/Sobrado dos Monxes
O alcalde do Concello de Sobrado, Lisardo Santos, reuniuse coa alcaldesa de Boimorto e cos rexedores de Abegondo, Aranga, Frades, Oza-Cesuras, Mesía, Vilasantar e Curtis, para subscribir o rexeitamento dos parques eólicos e das liñas de evacuación que se proxectan no territorio destes municipios.
"Consideramos necesaria a implantación das enerxías renovables, sempre e cando se faga de forma ordenada e programada en coordinación cas entidades locais e onde teñan ampla aceptación veciñal".

O pleno do Concello de Sobrado rexeita de forma unánime a execución do proxecto do parque eólico de Caíño, accesos e as súas infraestruturas de evacuación polo seu impacto negativo no municipio. A corporación local insta a que non se autorice e que as administracións públicas informen desfavorablemente do parque. "Tamén pedimos o apoio de cooperativas e sindicatos agrarios, asociacións de veciños, Reserva da Biosfera nesta oposición".
Desde o Concello trasladarán este acordo á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas e solicitará ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que non autorice o parque. Dos 33 xeradores previstos, cinco poderían instalarse en Sobrado.
"Desde o goberno local traballamos para impulsar o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio. No eido medioambiental, promovemos a implantación de enerxías renovables, pero non de calquera xeito. Este parque estaría fóra das áreas de desenvolvemento eólico e instalaríase nunha zona agrícola e gandeira. Ademais, a contorna conta cun importante patrimonio cultural, discorrendo tamén por ela o Camiño do Norte. Instalar o parque neste lugar provocaría efectos negativos para a saúde das persoas e dos animais debido ao ruído constante, interferencias nas telecomunicacións e un elevado impacto na paisaxe e no medio ambiente. Por todos estes motivos, desde Sobrado dicimos NON ao parque eólico de Caíño".
Comments