Disporá dun total de 98 prazas, lavandería e zona de lecer
Laura Moure/Monterroso
O Concello de Sobrado promove o turismo do Camiño do Norte cun novo albergue no Mosteiro de Santa María. O proxecto, resultado da colaboración entre o goberno municipal e a Xunta de Galicia, tradúcese na construción dunhas instalacións, financiadas polo ente autonómico, que disporán dun total de 98 prazas, lavandería e zona de lecer.
A inauguración tivo lugar hoxe este luns acto celebrado no propio mosteiro ao que asistiu o alcalde Lisardo Santos, acompañado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente, Alfonso Rueda Valenzuela, e o delegado provincial Gonzalo Trenor. Durante o acto Santos destacou ''os beneficios que esta actuación terá na economía local, potenciando a visita de novos peregrinos e peregrinas e impulsando o Camiño do Norte''. Mentres Feijóo referiuse hoxe ao novo albergue no Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes como exemplo do reforzo da rede pública do Camiño do Norte e da aposta polo coidado do patrimonio.
Durante unha visita ás novas instalacións, Feijóo resaltou que a reforma desta infraestrutura permitirá ofrecer aos peregrinos 98 prazas, ademais de lavandería e zona de lecer, conservando ademais a singularidade do Camiño. “Uns peregrinos que contarán cun total de 10 albergues públicos con 405 prazas nesta ruta xacobea”, dixo, lembrando que o albergue de Vilasantar estará listo en xaneiro de 2022.

Así mesmo, salientou que nese compromiso co coidado dos bens senlleiros, a Xunta leva investido preto de 1,5 millóns de euros na conservación e posta en valor do mosteiro. “E reforzaremos a aposta pola preservación do patrimonio cultural galego incrementando nos orzamentos de 2022 un 15% máis os fondos”, salientou.
Nesta liña, o titular da Administración autonómica aproveitou o acto para lamentar o cambio de criterio do goberno central no reparto dos fondos destinados aos Bens de Interese Cultural, salvo que sexan de titularidade pública, e que deixa fóra a este mosteiro. Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que a Xunta seguirá apoiando o Camiño de Santiago, “unha das marcas máis importantes de Galicia”, a través: da execución do Plan estratéxico do Xacobeo, dotado con 247 millóns, e preparando un novo Plan director dos Camiños 2022-2027; ampliando e mellorando a rede pública de albergues, que contará o vindeiro ano con 78; colaborando na súa volta á normalidade, “cun aforo do 75% que estamos estudando ir ampliando ata o 100%, sempre que os peregrinos empreguen o certificado Covid”; e estando sempre a carón do sector, potenciando a campaña Galicia Destino Seguro.
160.000 peregrinos O presidente do Goberno galego concluíu salientando que, no que levamos de ano, máis de 160.000 peregrinos se teñen achegado a Galicia. “E segundo os últimos datos de Turismo, entre xaneiro e setembro, chegaron á Comunidade 2,3 millóns de viaxeiros, con máis de cinco millóns de pernoitas. Somos a segunda comunidade en recuperación de número de noites e a terceira en número de viaxeiros con respecto a 2019”, salientou, afirmando que estas cifras acreditan que Galicia é un bo lugar para descansar e para coñecer.
Comments