Xa está aberto o prazo para os que queiran formar parte dela
Laura Moure/Sobrado
Sobrado continúa avanzando para contar, proximamente, cunha Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil. Un dos primeiros pasos foi a aprobación inicial do regulamento deste servizo no pleno de agosto. Agora, o Concello acaba de abrir o prazo para que todos os veciños e veciñas que o desexen poidan formar parte da xunta directiva ou converterse en voluntarios/as de a futura agrupación.

O alcalde, Lisardo Santos, lembra que estes grupos realizan unha labor esencial que redunda "na seguridade e, polo tanto, na calidade de vida da veciñanza". Entre as intervencións máis comúns, o rexedor destaca a colaboración dos voluntarios e voluntarias na celebración de eventos do Concello ou o traballo que levan a cabo cooperando na xestión de situacións de emerxencia.
Por unha banda, as persoas que queiran formar parte da directiva dispoñerán dun prazo inicial de 10 días contados a partir do pasado venres 18 de outubro. Pola outra, o Concello manterá aberto, de maneira indefinida, o período de inscrición para os voluntarios e voluntarias. As inscricións poden tramitarse na Casa do Concello.
Publicidade
Requisitos
Poderán incorporarse á A.V.P.C os veciños maiores de 18 anos e que cumpran os requisitos fixados nas bases dispoñibles na páxina web municipal. Unha vez formalizada a solicitude, procederase á inscrición da persoa solicitante no Rexistro de Voluntarios/as de Protección Civil e faráselle un carné provisional en tanto non realice o curso de formación de nivel básico impartido pola Xunta de Galicia.
Comentarios