Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

O Concello de Silleda volve ser a sede do premio de narracións curtas Modesto Rodríguez Figueiredo

A obra gañadora será premiada con 1.000 euros e se o xurado considera de calidade outras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400, cada unha


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda formará parte, un ano máis, xunto coa Fundación Padroado Pedrón de Ouro na organización da LXVII Edición do Premio de Narracións Curtas “Modesto Rodríguez Figueiredo”. Como é ben sabido este Premio de Narracións, o de máis anos en Galicia, ten carácter itinerante para así facer convocatoria e organización cada ano coa colaboración dun Concello galego.


Así, despois de Mazaricos no ano 2018 e Santa Uxía de Ribeira en 2019, o premio recalaba o pasado ano en Silleda. Durante a entrega do galardón, que se pospuxo ata o 17 de maio deste ano por mor da pandemia, xa se confirmou que Silleda acollería novamente esta edición deste certamen, que ten por finalidade promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o avogado pontevedrés Modesto R. Figueiredo.


O alcalde, Manuel Cuiña, o secretario da Fundación Pedrón de Ouro, David Otero e a concelleira de Cultura, Mónica González, presentaron as bases do certame, que estarán dispoñibles tamén na web municipal a partir dos vindeiros días.


O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 20 de novembro. Poderán participar todos os autores e autores de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e que non se presentasen antes a ningún outro certame literario.


Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de 30 páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.


Prazo ata novembro

As persoas que desexen participar deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 de novembro de 2021 á Fundación Pedrón do Padroado Pedrón de Ouro ou ben ao Concello de Silleda, nos enderezos que figuran nas bases.


Todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e tamén o currículum vitae de o considerar oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.


A obra gañadora será premiada con 1.000€ e se o xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada unha. O xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións ( AELG , PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA, ASOCIACIÓN GALEGA DA CRÍTICA (AGC) ) e a do Concello de SILLEDA. A Fundación do Pedrón de Ouro reservarase na composición do xurado os postos de presidente/a, e secretario/a (este/a último/a con voz, pero sen voto).


O Premio fallarase a poder ser na segunda quincena do mes de decembro de 2020 e entregarase en data e lugar que así o estime o Concello de Silleda e salientar que segundo as Bases, a gañadora ou o gañador do Premio, así como os ou as merecentes de Acceses ( se así o estima o xurado) deberán recoller en persoa os seus premios no Acto de Entrega

que organizará o Concello de Silleda e que se comunicará oportunamente.


A este premio concorren en cada convocatoria sobre 65 orixinais destacando que en boa parte as obras son de autores e autoras novas. Mesmamente aos gañadores e ás gañadoras deste Premio , segundo a crítica literaria galega, coñécense como “ Xeración Pedrón”. Na pasada edición o gañador foi Adolfo Caamaño, por “As derradeiras paisaxes do Conde”, logrando tamén cadanseu accese Esteban Brea e Antonio Piñeiro.


Na presentación o alcalde, Manuel Cuiña, destacou que o feito de volver a compartir a organización do premio “supón para Silleda toda unha honra xa que ademais de fomentar a cultura e poñer en valor a nosa lingua, este certame contribúe a dignificar a nosa actividade cultura”.


Pola súa banda, David Otero, secretario da Fundación organizadora agradeceu ao Concello de Silleda a súa colaboración novamente con este certame literario, o máis veterán de Galicia en narracións curtas.

23 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE