O Concello de Silleda volve colaborar co programa Vacacións en Paz, para nenos e nenas do Sáhara
- Laura Moure
- 18 abr 2022
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda volve colaborar con Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) no marco do programa Vacacións en Paz. A través deste programa nenos e nenas dos campamentos de refuxiados do Sáhara visitarán o municipio acollidos por familias durante os meses de xullo e agosto, para disfrutar dun verán alonxados das duras condicións de vida do deserto.

Este convenio, que xa foi aprobado pola Xunta de Goberno Local e que se asinará nos vindeiros días con Sogaps, ten coma obxectivos principais garantir os dereitos e necesidades fundamentais dos rapaces e rapazas que visiten o municipio trasdezá dentro deste programa, así coma asegurar a súa integridade física e emocional, respectar as súas crenzas, favorecer a integración no seu medio durante a estadía no país, respectar o marco legal dos dereitos dos menores e garantir o regreso ao seu país coas súas familias.
Mediante a firma deste convenio, o Concello de Silleda responsabilizarase da difusión do programa, entre outras cuestións. Tamén se fará cargo dunha parte do financiamento dos billetes dos nenos ( neste caso ca aportación de 1.500 euros), así coma da recepción dos nenos, a entrega ás familias acolledoras e a despedida dos mesmos unha vez que finalice a súa estadía no concello.
“Para Silleda é unha boa noticia poder retomar esta iniciativa que nos últimos dous anos se paralizara por mor da pandemia”, indica a concelleira de Benestar e Educación, Ángela Troitiño, que lembra tamén a relación consolidada entre o Concello de Silleda e Solidaridade Galega co Pobo Saharaui nos últimos anos.
Estre programa reporta numeroros beneficios reporta aos nenos e nenas que viven nos campamentos de refuxiados do Sáhara, de entre 8 e 12 anos, que pasarán dous meses en Galicia con familias de acollida afastados das duras condicións de vida no deserto, ademais de asistir a revisións médicas.
Comments