Vila de Cruces cancela a actividade do 5 de xaneiro Cruces xoga polo mesmo motivo
Ecos da Comarca/Deza
O goberno municipal de Silleda, á vista do aumento da incidencia da Covid 19, decidiu esta mañá cancelar a celebración de todas as actividades previstas no programa de Nadal 2021-2022. “Por responsabilidade e seguindo a liña de decisións que adoptamos dende o inicio da pandemia, decidimos suspender as actividades previstas xa dende hoxe”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando ademais que entre as persoas afectadas hai varias menores de idade.
Así, non se celebrarán nin os xogos tradicionais, nin a festa infantil de fin de ano, a carreira de San Silvestre ou o concerto de ano novo, entre outros. Tampouco se celebrará a tradicional Cabalgata de Reis, a actividade que máis persoas congrega de toda a programación. Neste sentido, dende o goberno indícase que a recomendación da Xunta sobre a celebración de “cabalgatas estáticas” é cando menos máis difícil de asumir á hora de garantizar que a xente garde as distancias.
“Lamentamos as molestias ocasionadas ca cancelación dun programa no que hai moito traballo detrás, pero nestes momentos a saúde é o primeiro”, indica o alcalde desexando unha pronta recuperación a todas as persoas afectadas polo virus.
Manterase o campamento de Nadal
Si se mantén o campamento de Nadal do Servizo Lúdico e o servizo de Ludoteca que se está a ofertar durante as vacacións escolares.
Pola súa banda, o Concello de Vila de Cruces informa que a actividade do día 5 de xaneiro que ía ter lugar no pavillón mde 15:00 a 18:00h Cruces Xoga (colchonetas e paxe real) tivo que ser cancelada por mor dos aumentos en casos Covid-19.
"Facemos, novamente, un chamamento á calma e apelamos á responsabilidade individual.
Recordade que se todas e todos colaboramos e cumprimos coas medidas de hixiene e seguridade poderemos combater á Covid-19. Moito ánimo a todas e todos! Sigamos loitando!", sinala o Concello cruceño.

Comments