O investimento previsto é de 90.055 e é a través do Plan Marco
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa ca tramitación de proxectos para a mellora viaria do municipio. Así, e con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2021-2022 (coñecido como Plan Marco), levarase a cabo a reforma integral de dous viais na parroquia de Escuadro.
Trátase das pistas de Cumbraos e Balántiga, dous tramos que acusan un notable deterioro e que se atopan nunha zona cunha alta concentración de explotacións agrogandeiras. O proxecto estima un orzamento para o arranxo destes dous viais de 90.0055 euros. A Xunta de Goberno Local xa deu luz verde ao inicio do procedemento, do proxecto e os pregos de contratación, que poden consultarse xa a través da Plataforma de Contratación do Estado. O prazo de presentación de ofertas é de 26 días naturais contados a partir deste mércores.
Nos últimos meses tamén con cargo ao citado Plan Marco, executouse a mellora integral do vial Negreiros-O Castro, unha das pistas máis transitadas da zona. Esta actuación sumouse a outras executadas nos últimos meses cas que se continuará mellorando a extensa rede viaria de Silleda no rural, caso dos traballos do Plan Concellos 2020 en 7 viais: Camiño do Foxo (un vial cercano á vila de Silleda); no lugar de Cimadevila, na parroquia de Escuadro; en O Marco, na parroquia de Siador, e a pista de Maril, en Fiestras. Tamén se inclue outro vial en O Ribeirao (Negreiros) e outras dúas en Manduas, no tramo de Vilaverde-Medelo , cun investimento de 250.000 euros.
Iluminación campo de fútbol de Laro
Por outra banda, tamén está en proceso de licitación dende hai varios días a dotación de alumeado no campo de fútbol de Agronovo, na parroquia de Laro. Neste caso o orzamento previsto, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e fondos municipais, é de 48.000 euros. O alumeado será con dispositivos LED, cun notable aforro e mellora da seguridade. A presentación de ofertas remata esta semana.
Unha obra feita na parroquia de Piñeiro.
Comments