O contrato do servizo para nenos e nenas de 3 a 12 anos realizarase por procedemento aberto, cun prezo de 55.000 euros/ano, ata un máximo de catro anualidades
Laura Moure/Silleda
Despois de aprobar en Xunta de Goberno os pregos de cláusulas para a contratación do Servizo do Programa Lúdico Educativo de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo, o proceso continúa ca licitación deste servizo municipal de Silleda. Tramítase por procedemento aberto, a través da Plataforma de Contratación do Estado.

As empresas interesadas en optar á xestión deste servizo, dirixido a escolares de 3 a 12 anos de idade, dispoñen ata o vindeiro 16 de agosto para presentar as súas ofertas. O servizo ofertarase coma sempre durante o curso escolar e tamén durante as vacacións de Nadal e verán.
Entre os criterios de adxudicación que recollen os pregos figuran, ademais do programa lúdico educativo, cuestións coma o prezo do contrato, ou disposición de maior número de monitores/as. O prezo de licitación estimado é de 220.000 euros (55.000 euros por ano).
A duración do contrato será dun ano con posibilidade de tres prórrogas anuais, ata un máximo de catro anos. En total o servizo ofertará 50 prazas, ampliándose no verán e no Nadal.
O servizo desenvolverase como vén sendo habitual no CEIP de Silleda, ofertando no CEIP da Bandeira soamente os campamentos de Nadal e verán, sempre e cando se acade o
mínimo de inscricións requeridas. Servizo en Entroido, Semana Santa e días non lectivos que non sexan festivos.
Así mesmo o servizo tamén ampliará a súa atención ás familias usuarias. Haberá servizo durante as vacacións de Entroido e de Semana Santa, e tamén os días que sexan non lectivos, sempre e cando non sexan festivos. Nestas datas o horario será o mesmo que os campamentos de Nadal e de Verán. O servizo comezará a prestarse o vindeiro mes de setembro, co inicio do curso escolar, en horario de 15:00 a 21:00 horas.
Comments