O Concello de Silleda renovará o alumeado dos campos de fútbol de Silleda e da Bandeira
- Laura Moure
- 26 feb 2022
- 2 Min. de lectura
O investimento previsto nos dous campos supera os 71.000 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa a traballar na mellora das infraestruturas deportivas. Así, nos vindeiros meses está previsto acometer unha importante actuación para completar as obras realizadas nos últimos anos en dous campos de fútbol municipais: o de Outeiriño en Silleda e o da Gandareira na Bandeira, onde se renovará todo o sistema de alumeado optando por tecnoloxía LED. O orzamento total previsto no proxecto é de 71.982,55 euros, contando os dous estadios municipais.

Con esta iniciativa, ademais de mellorar a calidade lumínica dos dous campos de fútbol, moi utilizados durante todo o ano, tamén se busca lograr un maior aforro enerxético –estimando que este se reduza ao 50%- así como unha reducción das emisións de CO2, cumprindo o previsto no Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, ao que está adherido o Concello de Silleda.
“Ademais de mellorar as deficiencias actuais nos niveis de iluminación destes dous campos, con herba sintética, con este investimento lograremos reducir custes na factura enerxética e no mantemento de ambas instalacións deportivas, cumprindo co prinicipio de eficiencia no uso de recursos públicos”, engade o alcalde, Manuel Cuiña. Do mesmo xeito, as novas luminarias LED permitirán lograr uns niveis de iluminación equivalentes ao cumprimento das normas vixentes de iluminación de instalacións deportivas.
A memoria técnica para este proxecto foi presentada á liña de subencións do Fondo de Compensación Ambiental, na modalidade de axudas non competitiva, a fin de recibir os fondos que lle pertenecen a Silleda como medida compensatoria por albergar instalacións eólicas. A actuación completarase con aportación de fondos municipais.
A actuación implicará a substitución das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED, con 24 unidades de proxectores entre os dous campos. Precisamente a través desta liña de axuda, o Concello de Silleda renovou o pasado ano toda a iluminación do Campo de Agronovo, na parroquia de Laro, cun investimento de 42.000 euros incluindo ademais a colocación de torretas. A dotación de de luminarias LED e renovación de alumeados en
Silleda comezou no 2019, tamén co Fondo de Compensación Ambiental, no campo de Mularedos, en Lamela, cun investimento de algo máis 48.000 euros.
No ano 2020 renováronse por completo con cargo a estes fondos os vestiarios do recinto da piscina municipal de Silleda, tamén con servizo para o campo de Outeiriño, mellorando tamén a eficiencia enerxética do recinto público, conectado a día de hoxe á Rede de Calor con Biomasa. Con esta nova proposta, que se levará a cabo nos vindeiros meses, o Concello de Silleda segue a realizar melloras nas infraestruturas deportivas, tendo en conta o volumen de persoas –sobre todo nas categorías base- que utilizan a diario estas instalacións.
Comments