top of page

O Concello de Silleda remata a mellora da fonte de Escuadro, realizada a petición da veciñanza

A actuación permite tamén dar cumprimento á Lei de Memoria Democrática coa retirada dunha placa de 1952 que incluía o xugo e as frechas


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de rematar os traballos de mellora da fonte de Escuadro, unha actuación realizada a petición da veciñanza e executada con persoal municipal, que permitiu dignificar e poñer en valor este espazo tradicional da parroquia. A alcaldesa, Paula Fernández, visitou onte a zona para comprobar o resultado dos traballos, que incluíron a realización dun solado en pedra, a creación dunha zona axardinada cun banco e a plantación dunha cerdeira, convertendo a contorna da fonte nun espazo máis coidado, accesible e agradable para o uso veciñal.

A actuación completouse coa colocación dunha nova placa conmemorativa, na que se lembra que a fonte foi construída no ano 1952 e reformada no ano 2026 a petición da veciñanza de Escuadro, á que o Concello agradece a súa colaboración e implicación para facer posible esta mellora. A instalación desta nova placa permite tamén dar cumprimento á Lei de Memoria Democrática, xa que substitúe a anterior placa existente, datada tamén en 1952, correspondente á actuación realizada pola antiga Junta de Ayuda a Municipios —JAM— e que incluía a simboloxía do xugo e as frechas.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Outro dos aspectos destacados da intervención é o seu carácter de economía circular, xa que a pedra empregada no novo solado procede da contorna da Praza da Igrexa de Silleda, onde foi retirada no marco das obras que se están a executar nese ámbito, dándolle así un novo uso nun espazo público da parroquia de Escuadro.


A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que esta actuación “é un bo exemplo de como pequenas intervencións poden ter un gran valor para a veciñanza, porque permiten recuperar espazos de encontro, coidar o patrimonio das parroquias e mellorar a súa contorna”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Fernández puxo tamén en valor a colaboración veciñal, sinalando que “foron os propios veciños e veciñas quen trasladaron esta demanda, e dende o Concello quixemos atendela cunha actuación sinxela pero moi coidada, realizada con medios municipais e aproveitando materiais que puideron ter unha segunda vida”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page