Investirá máis de 123.000 euros euros na mellora deste espazo público a través do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda acometerá nos vindeiros meses unha actuación para continuar mellorando e reformando o pavillón polideportivo da Bandeira. Así, e a través da convocatoria de axudas para a creación e mellora de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra, vén de presentarse un proxecto para a reforma integral deste espazo público municipal situado na zona deportiva-escolar da vila da Bandeira, a carón do CEIP Ramón de Valenzuela e as piscinas municipais desta localidade. O investimento, con algo máis de 123.000 euros, realizarase con cargo aos fondos provinciais, conquerindo unha mellora sustancial deste equipamento deportivo.
Así, renovarase toda a cancha (actualmente en cemento pulido), coa dotación de solo vinílico, renovando toda a zona de xogo con este pavimento antideslizante e adaptado aos estándares de calidade actuais, o que permitirá a adecuación deste espazo para a práctica de distintas modalidades deportivas (baloncesto, futbol sala, patinaxe....), cun pavimento polivalente.

Tamén se procederá á substitución de todas as bancadas situadas arredor da cancha e ao pintado do cerramento lateral. Así mesmo, o proxecto que vén depresentarse á convocatoria da Deputación de Pontevedra, inclúe a substitución completa da iluminación, por lámparas de baixo consumo, reparación e repintado dos paramentos que definen o zócalo e tamén elementos metálico (portas e parte dos pilares).
Tamén se reacondicionará o espazo que ocupaban os antigos aseos e vestiarios, actualmente en desuso, que pasará a ser sala de usos multiples para a práctica deportiva (para realizar actividades como ioga, pilates, baile..) . Adicionalmente tamén se proxectan outras actuacións de mantenimiento como a revisión da cuberta, substitución de canalóns e unha soleira de formigón pulido no acceso principal que mellore a accesibilidade ao pavillón.“Deste xeito, continuamos apoiando a mellora das infraestruturas deportivas, neste caso apostando por unha instalación que se usa a diario e na que xa se acometeron distintas melloras nos últimos anos, polo que se completará coneste proxecto a reforma total das instalacións”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.
Publicidade
Novos aseos
Así, o pasado ano dotouse ao pavillón da Bandeira de novos aseos e vestiarios, facéndoos accesibles para todas as persoas, cun investimento de 89.045,39 euros, cofinanciado polo Programa Leader a través do GDR Terras de Pontevedra Norte.
O pavillón polideportivo da Bandeira foi construido a finais dos anos 80, nun terreo anexo ao centro educativo da localidade, que utiliza a diario estas instalacións para a práctica de deporte. Así mesmo, neste espazo desenvólvense numerosas actividades deportivas durante a semana (patinaxe, multideporte, kung fu) e outras modalidades como a esgrima, ademais das reservas habituais de particulares e grupos para realizar outras actividades
deportivas. Con esta reforma prevista as instalacións mellorarán considerablemente as condicións para a práctica deportiva nestas instalacións.
Comments