O Concello de Silleda recibe a Bandeira Verde de Galicia no Día Mundial da Protección da Natureza
- Laura Moure

- 19 oct 2024
- 3 Min. de lectura
"É un orgullo e reflicte o traballo conxunto da veciñanza e do goberno local por facer do un lugar máis sostible e respectuoso co medio ambiente”, subliña a alcaldesa
Laura Moure/Silleda
Onte, venres, coincidindo coa celebración do Día Mundial de Protección da Natureza, tivo lugar en Caión o acto de entrega da Bandeira Verde de Galicia ao Concello de Silleda. O distintivo, concedido pola Xunta de Galicia, recoñece o compromiso do municipio co medio ambiente e a protección da paisaxe. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu o acto ao que acudiron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, a tenente de alcaldesa e concelleira de Turismo Mónica González, e o concelleiro de Transición ecolóxica Manuel Requeijo. O alcalde da Laracha, José Manuel López, exerceu de anfitrión.
A rexedora destaca a importancia desta distinción: “A Bandeira Verde é un orgullo para Silleda e reflicte o traballo conxunto da veciñanza e do goberno local por facer do noso
municipio un lugar máis sostible e respectuoso co medio ambiente”. “Este recoñecemento abre novas portas para seguir apostando por políticas medioambientais que melloren a
nosa contorna e a calidade de vida de todas as persoas do concello. Seguiremos
traballando para manter este compromiso e liderar iniciativas que sitúen a Silleda como un
referente en sustentabilidade e na preservación do patrimonio natural de Galicia”, engade
Paula Fernández.
Entre as accións levadas a cabo polo goberno municipal que permitiron acadar este recoñecemento destacan o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), o Plan de Acción
polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), e o proxecto Rede de Calor District Heating, que
se converteron en exemplos de referencia para outros gobernos locais a nivel estatal.

O distintivo da Bandeira Verde facilitará a Silleda obter maiores puntuacións en
subvencións autonómicas relacionadas coa xestión de residuos e o patrimonio natural,
permitindo que o municipio consolide o seu compromiso coa Axenda 2030.
Silleda é o único concello da provincia de Pontevedra en incorporarse neste ano 2024 á lista de 24 concellos de toda Galicia en contar con este distintivo que renovan tamén
Sanxenxo e A Illa de Arousa.
Unha vez analizados todos os expedientes, resolveuse outorgar 24 galardóns a outros tantos concellos, o que supón un 33% máis que na edición anterior e a cifra máis alta de bandeiras verdes concedidas desde a creación deste distintivo. Ademais, 11 dos municipios lucirán o galardón por primeira vez. Concretamente son: Ares, Begonte, Boiro, Cospeito, Larouco, Lugo (a primeira cidade galega en obter a bandeira verde), Muíños, Ribadeo, San Sadurniño, Silleda e Vilariño de Conso.
Publicidade
Así mesmo, tal e como destacou a conselleira, Porto do Son revalida por quinto ano consecutivo a súa bandeira verde, o que o converte no único concello galego que foi premiado en todas as convocatorias realizadas ata o de agora.
Ademais de Porto do Son, repiten como municipios galardoados, nunha ou en varias edicións anteriores, os de Cervo, Curtis, A Illa de Arousa, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porqueira, Ribeira, Sanxenxo, Sober e A Laracha, que exerce como anfitrión.
A conselleira felicitou a todos os concellos distinguidos este ano e salientou a importancia da Bandeira Verde de Galicia pola visibilidade que lles outorga como territorios “responsables e comprometidos” co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.
Cómpre lembrar que a concesión deste recoñecemento supón, ademais, un mérito que se ten en conta e puntúa para a obtención de subvencións convocadas pola Xunta en materia de patrimonio natural e tamén no eido da xestión dos residuos.







Comentarios