O Concello de Silleda reúnese ca nova directiva de ECOS para avanzar en iniciativas conxuntas
- Laura Moure

- 4 dic 2025
- 2 min de lectura
Laura Moure/Silleda
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, acompañada das concelleiras de Promoción Económica, Estefanía Taín, e de Cultura, Mónica González, mantivo unha reunión coa nova directiva da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS), que preside Beatriz Busto.

O encontro serviu como primeira toma de contacto tras a renovación do colectivo e para poñer en común futuras liñas de colaboración. Durante a reunión abordouse a campaña de Nadal que ECOS ten actualmente en marcha, con premios para incentivar o consumo local nestas datas, así como outras actividades programadas conxuntamente desde o Concello para estas festas, e iniciativas como Silleda Fai Nadal, ca que o Concello repartirá máis de 3.500 euros en premios para gastar no comercio e hostalería local .
Publicidade
Tamén se falaron de accións futuras, como a organización da campaña de Entroido o
vindeiro mes de febreiro ou a posibilidade de retomar iniciativas que tiveron moi boa acollida en anos anteriores, como os concursos de tapas, estudando novos formatos que impulsen aínda máis a participación e a dinamización comercial.
A alcaldesa destacou o papel fundamental da asociación no tecido económico local. “ECOS é un motor clave para o comercio e a empresa en Silleda. Agradecemos o esforzo e as ganas da nova directiva, que chega con ilusión e ideas renovadas. Desde o Concello imos seguir colaborando como ata o de agora da man do sector para apoiar o comercio de proximidade e fortalecer a economía do noso municipio”, afirmou Paula Fernández.
Publicidade
Dende o executivo municipal salientouse tamén a importancia de seguir traballando en unidade para facer de Silleda un concello dinamizador, que apoie ás empresas locais e fomente o consumo no comercio de proximidade.








Comentarios