top of page

O Concello de Silleda propoñerá adicar o Día das Artes a Manuel Colmeiro nos vindeiros anos

Ademais o ente local publica as bases para a contratación dunha persoa con titulación en Ciencias da Actividade Física e do Deporte


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda elevará unha proposta á Real Academia das Artes de Galicia para adicar o Día das Artes Galegas nos vindeiros anos ao ilustre artista sillendense Manuel Colmeiro Guimarás. Esta iniciativa ten como obxectivo recoñecer e poñer en valor a figura e a obra dun dos pintores máis destacados da historia da arte galega, que faleceu hai agora 25 anos. A proposta, que será elevada ao Pleno da Corporación, vén a

completar as iniciativas para difundir o amplo legado de Colmeiro, a quen se lembraba con distintos actos a semana pasada coincidindo co aniversario do seu pasamento.


Dende o Concello de Silleda tamén se solicitará o apoio das distintas asociacións e entidades culturais do municipio e da comarca para reforzar esta petición á Academia das Artes de Galicia.

Coloquio celebrado o venres dentro dos actos de homenaxe á figura de Colmeiro celebrados no concello.

Un referente da arte galega

Nado na parroquia silledense de Chapa, Manuel Colmeiro Guimarás (1901-1999) destaca pola súa contribución ao desenvolvemento da arte contemporánea en Galicia. Emigrado a Bos Aires de neno, Colmeiro formouse artisticamente nesta cidade arxentina, onde entrou en contacto coas vangardas europeas e latinoamericanas. Posteriormente, viaxou a París, onde perfeccionou a súa técnica e desenvolveu un estilo propio, caracterizado polo uso de cores vivas e formas simplificadas, cunha clara influencia do cubismo e do fauvismo.


Colmeiro foi un dos principais impulsores do Movemento Renovador da Arte Galega, xunto a outros artistas como Carlos Maside, Manuel Torres, Arturo Souto ou Laxeiro. A súa obra abarca desde escenas rurais galegas ata composicións abstractas, sempre coa intención de reflectir a esencia e a identidade de Galicia. Entre as súas obras máis destacadas atópanse "A Eira" e "As Lavandeiras", exemplos do seu compromiso coa cultura e a paisaxe galega.


O Día das Artes Galegas é unha iniciativa organizada pola Real Academia Galega das Artes dende o ano 2015. Esta celebración, que ten lugar o 1 de abril de cada ano, busca homenaxear a figuras senlleiras da arte galega, recoñecendo a súa traxectoria e o seu legado. Ao longo dos anos, foron homenaxeados artistas como Castelao, Maruja Mallo ou Luís Seoane, entre outros. Este ano 2024 adicouse ao escultor Francisco Asorey e para 2025 o homenaxeado será Isaac Díaz Pardo.


A proposta do Concello de Silleda para adicar o Día das Artes Galegas a Manuel Colmeiro Guimarás representa unha oportunidade para dar a coñecer a vida e a obra deste artista fundamental, así como para fortalecer o vínculo entre a comunidade local e o patrimonio cultural galego.


Por outra banda, O Concello de Silleda vén de publicar as bases que regulan o procedemento para a contratación dunha persoa con titulación universitaria en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, no marco do programa Máis Emprega da Deputación de Pontevedra. Esta contratación, de carácter temporal, terá como obxectivo ofrecer experiencia profesional axeitada ao nivel de estudos da persoa seleccionada mediante un contrato formativo.


O contrato terá unha duración de 12 meses a xornada completa, cun salario bruto mensual de 1.981,14 euros, incluíndo a paga extra prorrateada e demais complementos. Así mesmo, está previsto un período de proba dun mes a partir do inicio da actividade. A selección de candidatas e candidatos realizarase mediante un sistema de concurso baseado na valoración de méritos. As bases completas do proceso selectivo estarán dispoñibles nas oficinas da Casa do Concello e na páxina web oficial do Concello de Silleda, así como na súa sede electrónica, accesible a través de https://silleda.sedelectronica.gal/info.0 , durante o tempo que dure o procedemento.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Requisitos

As persoas interesadas deberán cumprir varios requisitos, entre eles:

  • Posuír un grao universitario en Ciencias da Actividade Física e do Deporte ou unha titulación equivalente recoñecida polas leis vixentes.

  • Estar inscritas como demandantes de emprego ou en mellora de emprego no Servizo Público de Emprego.

  •  Estar empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra antes da publicación da convocatoria no BOPPO.

  • Non ter transcorrido máis de tres anos desde a finalización dos estudos universitarios, ou cinco anos no caso de persoas con discapacidade.

  • Non ter experiencia profesional previa na mesma actividade na entidade por máis de tres meses.

  • Non estar contratadas en prácticas noutros programas formativos da Deputación de Pontevedra no momento da selección.


Presentación de solicitudes

A presentación de solicitudes poderá realizarse no Rexistro Xeral do Concello de Silleda en horario de atención ao público (de 9:00 a 14:00 horas) ou a través do rexistro electrónico dispoñible as 24 horas do día.


O prazo para presentar solicitudes será de 3 días hábiles, a contar dende o día seguinte á citación realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Toda a información e notificacións relacionadas co proceso selectivo publicaranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Silleda.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page