top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Silleda, presente nunha nova asamblea da Asociación do Camiño de Inverno

Alumnado de Primaria dos tres centros educativos deste municipio participará en visitas ao

Concello e plenos infantís


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda estivo presente este mércores en Chantada na Asamblea Xeral Ordinaria da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, que reune a unha vintena de Concellos dende Ponferrada ata Compostela.

Ademais da aprobación das contas do ano anterior, na sesión tamén se comezou a traballar na posta en marcha do Plan de Actuación 2024-2027, ca creación de grupos de traballo en distintos ámbitos que xa iniciaron a elaboración de propostas e novos retos para mellorar e dinamizar esta ruta.


Por outra banda, o Concello de Silleda abrirá as súas portas o venres 26 de abril aos alumnos do último ciclo de Primaria do CPR Plurilingüe María Inmaculada, que inaugurarán un ciclo de visitas e plenos infantís no que tamén participarán nas vindeiras semanas o alumnado do CEIP Plurilingüe de Silleda e do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira. Con esta actividade, o goberno local busca enriquecer a educación cívica e democrática dos rapaces e das rapazas desde idades temperás. A iniciativa culmina cun pleno infantil que lles ofrecerá unha experiencia práctica sobre o funcionamento deste órgano municipal.


A primeira visita, programada para os estudantes do CPR María Inmaculada, desenvolverase dun modo estruturado e lúdico, estendéndose dende as 11:00 ata as 13:30 horas. Na primeira metade da mañá, os alumnos e alumnas terán a oportunidade de mergullarse nunha serie de actividades e explicacións en diferentes áreas municipais, co obxectivo de familiarizalos co funcionamento interno do Concello e cos servizos que este ofrece á comunidade.


O percorrido levará o alumnado por departamentos como o de Rexistro e Censo, onde recibirán explicacións sobre os procesos administrativos básicos, seguidas dunha actividade práctica, como é cubrir unha instancia para facer unha suxestión. Canda a Policía Local os rapaces e rapazas aprenderán sobre a seguridade pública e participarán nunha actividade de identificar sinais de tráfico, promovendo así a conciencia viaria.


A diversión e a aprendizaxe

A diversión e a aprendizaxe continuarán con outras paradas, como a explicación dos servizos de Augas, Urbanismo, Servizos Sociais ou Xulgado de Paz, entre outros. Cada departamento ofrecerá unha exposición dos seus propósitos e funcións, seguida dunha actividade didáctica que permitirá que nenos e nenas interactúen. Por exemplo, en Urbanismo valeranse do xogo de afundir a frota para dar a coñecer as parroquias de Silleda, mentres que en Servizos Sociais botarán man dun xogo de reacción en cadea e en Comunicación e Alcaldía simularán unha chamada cidadá e elixirán un slogan para as redes sociais do Concello.


Publicidade

A xornada rematará cun pleno infantil, programado para as 12:40 horas. Tras as explicacións da alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e da secretaria, Déborah García, os estudantes terán a oportunidade de vivir unha experiencia práctica sobre o funcionamento dun pleno municipal. O alumnado debaterá sobre temas de interese local, tales como a creación de parques sen fume ou a necesidade dun skate park no municipio, axudando a fomentar a súa participación cidadá.


Esta iniciativa do Concello de Silleda non só busca enriquecer o coñecemento dos servizos municipais entre a poboación máis nova, senón tamén promover valores cívicos e democráticos, así como fomentar unha maior conexión entre a rapazada e a súa contorna. Así mesmo, esta actuación contribuirá a avanzar no proceso de implementación no municipio dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que buscan conseguir un concello máis sostible e inclusivo. A participación de todos os colectivos do municipio, tamén a infancia, é fundamental no plan estratéxico de Silleda na Axenda 2030.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page