Concorre cun proxecto de mellora á liña de subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra
Laura Moure/Melide
O Concello de Silleda volve concorrer á liña de axudas da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural, desta vez cunha proposta para poñer en valor o fermoso entorno da capela de San Brais, na parroquia de Chapa.
Coñecido como o lugar de Virxe da Fonte, o manancial está situado aos pés da fachada da capela, nun fermoso entorno natural cunha pequena pontella sobre un regato. Con esta actuación dende o Concello de Silleda búscase dar a coñecer o valor cultural, histórico antropolóxico e etnográfico deste lugar onde ademais de facilitar o acceso se colocará un panel informativo.
Os traballos iniciaránse ca limpeza superficial e roza controlada, realizando unha mínima intervención no entorno. No panel informativo tamén se incluirá información sobre o vasto legado da parroquia, con bens arqueolóxicos, históricos e etnográficos. O orzamento da actuación é de 5.469,20 euros (IVE incluído).
A fonte, de pedra, está xunto a un sendeiro que une o lugar da Devesa coa fermosa capela de San Brais, do século XVIII. Trátase ademais dun lugar situado preto do Camiño do Sudeste, ou Vía da Prata, polo que merece ser sinalizado para difundir e poñer en valor a súa importancia. “Con esta intervención dende o Concello de Silleda queremos seguir poñendo en valor o amplo legado co que contamos, con numerosos lugares de gran beleza e relevancia, coma este no entorno da capela de San Brais, na parroquia de San Ciprián de Chapa”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Comments