top of page

O Concello de Silleda outorgará 1.200 euros máis de axuda aos locais do sector da hostalería

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Farase unha modificación para outorgar esta cantidade con fondos municipais e a aportación da Deputación de Pontevedra


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda abrirá unha nova liña de axudas a establecementos para paliar os efectos da crise derivada da Covid-19. Neste caso destinaránse ao sector da hostalería, o máis castigado pola pandemia. Na comisión informativa especial de contas celebrada este mércores abordouse esta cuestión, fóra da orde do día, para levar ao vindeiro pleno (de carácter extraordinario) a modificación orzamentaria que permita habilitar unha partida para este fin.


En total destinaránse a estas axudas ao sector hostaleiro 86.000 euros. Desta cantidade, 25.324, corresponde á aportación da Deputación de Pontevedra, que o pasado mes de febreiro acordou destinar o 1% do seu orzamento a axudas ao sector, repartindo cantidades entre as entidades locais a través da Liña 2 do Plan Concellos. O resto, os outros 60.675 euros, aportaránse dende o remanente de tesoureiría.


Autor: Ecos da Comarca

A idea é outorgar axudas de 1.200 euros por establecemento, regulando o procedemento a través dunhas bases que se aprobarán tamén con posterioridade no pleno. “Trataremos de axilizar ao máximo posible a concesión destas axudas”, indica o alcalde e concelleiro responsable de Facenda, Manuel Cuiña.


Estas axudas sumaránse ao programa Silleda Reactiva que se puxo en marcha o ano pasado para autónomos e empresas, ca concesión dun total de 242 axudas. Neste caso establecéronse dúas liñas: unha de 800 euros para establecementos que permaneceron totalmente pechados durante o confinamento de 2020 e outra de 300 euros para os que puideron permanecer abertos.


Así mesmo, o Concello de Silleda, con ánimo de axudar tamén ao sector hostaleiro, acordou suprimir para este ano o pago das taxas pola instalación de terrazas (que tampouco se cobrou o exercicio pasado) e o da taxa por recollida de lixo. “Todas estas axudas supoñen no caso do sector da hostelería, do que ningúen pode dubidar que está a ser o máis perxudicado nesta situación que nos tocou vivir, un importante apoio dende a Administración local para un sector que o está a pasar francamente mal”, engade Cuiña.




0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page