Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda organiza, a través dop rograma Silleda Sostible, unha xornada para concienciar e informar da compostaxe doméstica. Esta charla terá lugar este xoves 26 no IES Pintor Colmeiro e tamén se tratará o tema da economía circular, ademais de celebrarse un obradoiro práctico sobre o uso do composteiro. Está destinada ao alumnado do centro e está previsto que acudan uns sesenta estudantes.
Dende que se iniciou o proxecto de mellora do servizo de recollida e tratamento de residuos urbanos, o Concello de Silleda leva repartidos máis de 300 composteiros entre a cidadanía que vive no rural a través do programa Silleda Sostible. O ano anterior repartíronse 150 composteiros domésticos entre a veciñanza, totalmente de balde, no marco do programa “Compostate ben” co obxectivo de xestionar os restos de comida xerados no fogar para convertelos en compost.
Publicidade
Solicitude de composteiros
Cabe recordar que se poden seguir solicitando os composteiros domésticos individuais. Pódese facer a través do teléfono 900 909 744 e tanto a chamada como estes colectores son gratuítos. Deste xeito, os fogares que soliciten estes puntos de reciclaxe poderán botar restos da cociña como froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes e cereais, ovos e cunchas de moluscos, froitos secos, pousos de café e infusións, panos e papel de cociña sen tinturas. Tamén se poden botar restos do xardín e horta como follas, flores, raíces e restos das colleitas, herba e palla, restos de poda triturados, cinza e serraduras de madeira sen aditivos, papel e cartón.
Esta iniciativa permitirá que nas casas se mellore a xestión dos residuos orgánicos, xa que poderán reciclar os restos de comida e restos vexetais de poda e de horta, todo elo sen que salgan da casa aportando así numerosos beneficios dende o punto de vista ambiental, social e económico. Ao non ser necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo, evítanse emisións de CO 2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo.
Publicidade
Por outra banda, as persoas participantes obterán como produto final un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo, evitando así a compra e uso doutros produtos químicos.
Campaña recollida de orgánicos
Esta iniciativa co IES Pintor Laxeiro forma parte dunha campaña ampla que se poñerá en marcha dende o Concello de Silleda para a recollida de orgánicos, que entrará en vigor a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2024. Con esta acción búscase formar á poboación máis nova, “conscientes de que son os mellores transmisores de valores para o coidado do
medioambiente e necesaria concienciación que todos e todas debemos de asumir”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Publicidade
Tamén nesta mesma campaña se enmarca a adquisición de caldeiros para biorresiduos que se entregarán nos cascos urbanos, a través dunha axuda da Xunta de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos, cofinanciada polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
Esta subvención, dun importe de 53.000 euros, vai permitir o lanzamento de campañas de concienciación e formación dirixidas á cidadanía que vive nos cascos urbanos de Silleda e Bandeira, localidades onde está xa prevista, a través do servicio municipal SILLEDA SOSTIBLE, a implantación dos chamados colectores marróns para a recollida da fracción orgánica.
Bình luận