A alcaldesa explicou á veciñanza o investimento para arranxar distintos viais da localidade, nun proxecto que se realizará con cargo ao programa Máis Provincia
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continuará a mellora das infraestruturas no rural con investimentos na parroquia de Refoxos, onde se aposta polo arranxo e mellora dos accesos a todos os núcleos. Durante a xuntanza celebrada ca veciñanza en días pasados, a alcaldesa, Paula Fernández, anunciou que se realizará un ambicioso proxecto de mellora nesta parroquia que afectará a varios dos núcleos de poboación.
A día de hoxe estase a redactar o proxecto no que se recollerán estes investimentos e que se acometerá con cargo aos fondos que lle corresponden a Silleda no marco do programa Máis Provincia, da Deputación de Pontevedra. “Con esta actuación quedarán listos os accesos á maioría dos núcleos da parroquia de Refoxos, onde tamén vimos de facer outra actuación no lugar de Currospedriños”, indicou a alcaldesa.
Este anuncio foi realizado durante a visita do goberno municipal a esta parroquia, no marco da rolda de reunións ca veciñanza do rural. O cambio das luminarias a LED, o servizo de recollida de lixo, os desbroces das vías municipais ou servizos de comunicación como o programa Liña Verde, son algúns dos puntos a tratar nestas xuntanzas que comenzaron a semana pasada e que continuarán nas próximas semanas, recollendo tamén as demandas e suxerencias da veciñanza.
No marco da recollida de lixo, dende o goberno advirtese da necesidade de mellorar a separación do lixo á hora de facer a recollida selectiva, incidindo tamén na posibilidade de ampliar o número de colectores amarelos de ser preciso. “Silleda foi un dos primeiros muncipios en implantar a recollida selectiva no rural e temos aínda o reto de conseguir mellorar entre todas e todos as cifras de residuos impropios”, explica a alcaldesa.
Publicidade
Servizos como o de recollida de enseres a domicilio (sen custe para as persoas usuarias), ou a posibilidade de solicitar un composteiro de balde para os biorresiduos, figuran tamén na axenda de temas a tratar nas distintas localidades.
Despois de Laro, Refoxos e Manduas, a seguinte parada será este xoves día 7 en Moalde. A axenda continuará a vindeira semana nas parroquias de Breixa (o martes día 12) e de Saídres (o xoves 14).
Praza de arquitecto
Por outro lado, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publicou o pasado luns as bases reguladoras para a constitución dunha bolsa de emprego para a selección de persoal funcionario interino como arquitecto/a no Concello de Silleda.
Publicidade
O sistema de selección para acceder ao procedemento será mediante concurso (puntuando os méritos). O prazo para presentar solicitudes a este proceso é de 10 días hábiles a partir do día seguinte á publicación, rematando pois o luns 18. As bases poden consultarse tamén na web municipal www.silleda.gal
Proceso de selección de personal do programa Máis Provincia
Por outra banda, este mércores tamén se publicou na web municipal a lista de persoas admitidas/excluidas ao proceso de selección de 10 persoas en situación de desemprego que se contratarán a través da liña 3 do programa Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. Ofertánse 1 praza de condutor de camión, 2 de tractoristas e 7 de peóns.
Comments