O Concello de Silleda mellora o parque infantil do CEIP Plurilingüe de Silleda
- Laura Moure
- 26 jul 2024
- 2 Min. de lectura
Nova visita do campamento de verán á Residencia de Maiores de Silleda, no marco do programa interxeracional
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de acometer unha serie de melloras significativas no parque infantil do CEIP Plurilingüe de Silleda, reforzando así o seu compromiso co benestar das nenas e nenos do centro educativo. Estas accións son parte dun esforzo continuo por aumentar a calidade dos espazos infantís do municipio.
No parque do CEIP Plurilingüe de Silleda, leváronse a cabo varias actuacións destacadas. Realizouse unha limpeza a fondo do caucho na zona dos columpios, asegurando un espazo máis seguro e limpo para o xogo. Ademais, barnizáronse todos os elementos de xogo e as mesas do patio, o que non só mellora a súa estética, senón que tamén prolonga a súa durabilidade. Como parte das melloras, incorporouse un novo columpio, ampliando así as opcións de xogo para as nenas e nenos.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destacou a relevancia destas intervencións afirmando que “o noso compromiso é proporcionar espazos seguros e de calidade para as nenas e nenos. As melloras no parque do CEIP Plurilingüe de Silleda son un reflexo do noso traballo continuo para garantir o benestar da infancia no noso municipio. Queremos que cada nena e neno teña acceso a instalacións que favorezan o seu desenvolvemento e diversión.”
Estas melloras forman parte dun conxunto de accións que o Concello de Silleda vén levando a cabo noutros parques do municipio e que continuarán nos próximos meses. Cada intervención será realizada coa finalidade de ofrecer espazos seguros e estimulantes, onde as nenas e nenos poidan xogar e aprender nun entorno adecuado.
Publicidade
Por outro lado, as visitas do Campamento do Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda á Residencia de Maiores da localidade continuaron esta semana cunha nova quenda. Durante a visita, os nenos e nenas que participan nas actividades estivais compartiron cas persoas residentes e usuarias do Centro de Día distintas actividades e xogos, nunha nova xornada para fomentar as relación interxeracionais.
Dende a concelleira de Educación e Benestar a concelleira Ángela Troitiño advirte que esta iniciativa segue a ter moi boa acollida, tanto polas persoas maiores como pola rapazada que compartiu tamén unha pequena merenda ca comunidade da Residencia. Dende o Concello de Silleda agradécese ao centro a súa colaboración e implicación neste tipo de actividades para facilitar as relacións interxeracionais entre a sociedade silledense.
Comments