top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Silleda licita o plan de mellora integral de vías no rural por máis de 600.000 euros

O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 13 de decembro


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda continuará nos vindeiros meses mellorando distintas vías de comunicación no municipio, cunha extensa rede do viario municipal. Así, e con cargo aos fondos que lle corresponden do Plan Concellos da Deputación no presente exercicio de 2021, executaráse a mellora dunha ducia de tramos en distintos puntos do termo municipal silledense. O investimento previsto sitúase en 605.308,53 euros, unha importante cantidade “que suporá a mellora integral dunha serie de viais con gran tránsito e vertebradoras de distintas localidades e servizos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.


Logo da aprobación do proxecto e da consecución dos pertinentes permisos sectoriais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á licitación das obras, trámite que xa está na Plataforma de Contratación do Estado. O prazo de presentación de ofertas é de 26 días naturais, rematando o vindeiro 13 de decembro.


No proxecto figuran actuacións en varias parroquias de Silleda: un tramo do vial de entronque ca glorieta da PO-211, dende o recinto feiral Semana Verde, -en Silleda- e a mellora do acceso e tamén da explanada do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira. No primeiro dos casos trátase dun tramo que se atopa en mal estado e que conecta cunha das circunvalacións arranxadas nos últimos anos.

Xa na zona rural o plan de mellora viaria inclúe actuacións en varias localidades. Así, levaranse a cabo obras de mellora en Ponte (no vial que une Espiño e Carderrei e tamén no vial de entronque ca PO-205 que dá acceso a varios lugares). Na parroquia de Vilar arranxarase o vial entre O Barral e Mazarelos e en Carboeiro outros dous tramos: un en Carboeiriño e o que une este último lugar ca parroquia de Ansemil, con case 1 kilómetro de lonxitude.


En Lamela actuarase nun tramo de 1.095 metros dende o acceso da N-525 na Goleta (cara a igrexa) ata o lugar de Vilariño. Tamén con cargo a este plan de actuación se mellorará a pista central da parroquia de Dornelas, con algo máis de 2, 4 quilómetros de lonxitude. Nesta zona figura tamén o vial do Curro, na parroquia de Cira, dende o entronque ca EP7017.


Inclúese tamén a reforma integral do vual dende Riocalvo ata Rellas, pasando por Gamil, en Margaride; así coma o tramo de estrada que vai dende a N-640 en Moalde en dirección a Olives, tamén con máis de 1,3 quilómetros de lonxitude.


Completan o proxecto dous viais na parroquia de Taboada: o tramo desde Trasdovalo ata Ponte Taboada e o que vai dende a estrada N-525 ata o lugar de Carballeda. En todas elas acometerase a mellora do firme cunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente. “Este novo proxecto unido ao de 2020 con outros sete viais que se executaron nos últimos meses e outras actuacións que virán o próximo ano suporán unha mellora sustancial na extensa rede viaria que temos no municipio de Silleda, e que continuamos a mellorar con apostas de calado coma esta, con máis de 600.000 euros de inversión”, engade o alcalde,

Manuel Cuiña.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page