top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Silleda inicia unha reorganización do Servizo de Axuda no Fogar

Goberno local, auxiliares e familias reclaman unha maior achega económica da Xunta e do Estado para poder reducir listas de agarda no servizo


Laura Moure/Silleda

O goberno municipal de Silleda vén de iniciar unha reorganización do Servizo de Axuda no Fogar. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, cumprindo o seu compromiso de toma de posesión para traballar na mellora deste servizo, reuniuse este mércores, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, e as coordinadoras do servizo, coas familias das persoas usuarias para presentarlles as melloras que se están a adoptando no SAF.


Esta reunión prodúcese unha semana despois da mantida a semana pasada coas auxiliares sociosanitarias, na que tamén participou a tenenta de alcaldesa e responsable de Persoal, Mónica González. Ambas xuntanzas serviron tamén para recoller opinións de familias e auxiliares sobre o servizo, acordar novos sistemas de control laboral, e dar a coñecer diferentes medidas e actuacións que se puxeron en marcha nas últimas semanas que permitiron reducir a lista de agarda de dependentes de Grado 3 ( grandes dependentes) de 13 a 8.

Así, e para acadar o obxectivo de atender a todos os grandes dependentes, realizáronse novas contratacións de auxiliares mediante unha nova bolsa de emprego, aínda que Pena aclara que “seguen sendo insuficientes, xa que é moi difícil atopar persoas coa formación necesaria, polo que animamos a que as persoas desempregadas a se formen neste

eido para formar parte do noso persoal”, indica a rexedora.


Ademais, abordouse coas auxiliares distintas cuestións para a reorganización do servizo, tanto a nivel territorial como na xestión horaria a través dunha nova aplicación informática que comezará a utilizarse nas vindeiras semanas.


Máis control, formación e outras melloras para a plantilla

Tamén se estableceron novos controis laborais que permitan un correcto funcionamento do servizo, cunha distribución equitativa de horarios, vacacións e festivos. Ademais, para mellorar as condicións laborais das persoas que traballan como auxiliares sociosanitarias, dende o Concello adoptaranse medidas para evitar o exceso de horas extraordinarias, con ampliacións horarias en dous dos contratos actuais, e ofrecerase formación para mellorar as mobilizacións ou aprender procedementos para realizar tarefas de estimulación, entre outras.


“Do mesmo xeito imos implantar apoio psicolóxico para as auxiliares, a fin de mellorar a xestión emocional da plantilla, con traballadoras que están sometidas a unha labor moi dura", sinala a alcaldesa


Todas estas melloras foron trasladadas ás familias das persoas usuarias, a quen tamén se informou da necesidade de dar un cumprimento estricto dos proxectos de tarefas individualizadas que deben facerse en cada domicilio. “As traballadoras municipais son auxiliares sociosanitarias e as súas obrigas laborais deben limitarse ao coidado dos maiores” di a alcadesa.


Pola súa banda, se teñen formulado demandas por parte das familias para a mellora dos servizo, a máis recorrente foi a solicitude de evitar continuos cambios de profesionais “unha dificultade que esperamos que se solucione co compromiso das traballadoras para mellorar os altos niveis de absentismo laboral que existen no servizo".


Publicidade

Boa valoración das familias

A maioría das familias presentes valoraron o bo servizo que se lle ofrece, recoñecendo o traballo realizado polo persoal municipal, algo que tamén comparte a alcaldesa “Contamos cun fantástico equipo de profesionais sociosanitarias, moi formadas e cun alto nivel de compromiso social. Temos chegado a un acordo para a mellora do servicio, teñen o meu compromiso, eu espero o mesmo delas".


Tanto coas auxiliares como coas familias, acordouse a necesidade dun traballo colaborativo de todas as partes para que o SAF siga funcionando ben, aínda que a Pena advertiu de que “este servizo é como unha escaleira de varios chanzos, e os primeiros son as Administracións que o financian (Xunta, Estado e Concello) e o resto serían o concello como entidade contratante, as auxiliares, os coordinadores de servizos, as familias e no

último chanzo estarían os usuarios. Se algún chanzo falla, os que caen, son os mais vulnerables. E non podemos permitilo”.


Por iso esixe á Xunta de Galicia e tamén ao Estado que financien adecuadamente este servizo e denuncia que “as Administracións superiores non poden obrigarnos aos concellos a ter maiores competencias sen un financiamento adecuado”.


Publicidade

Un coste elevado

O SAF de Silleda, coas actuais condicións asistenciais, custa a todos os silledenses un total de 888.196 euros ao ano dos que a Xunta só aporta 442.852 euros. “Esta é unha situación que está a afogar a todos os concellos galegos e a Xunta ten que reaccionar”, denuncia a alcaldesa nunha reivindicación que as propias familias se ofreceron a apoiar.


“Estaremos todas e todos xuntos nesta xusta reivindicación. Non podemos deixar desatendido nin a unha soa persoa de Silleda, pero non podemos facelo se a Xunta nos paga 12 euros por hora, cando nos custa 25”, engade.


0 comentarios

Коментарі


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page