top of page

O Concello de Silleda inicia os trámites para dotar ao municipio dun centro acuático e deportivo

11 nov 2022
2 min de lectura

Xa conta cun estudio de viabilidade para sacar a concurso a contrucción e xestión da ansiada piscina climatizada, cunha actuación que ten un investimento de máis de 1 millón de euros

 

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda xa iniciou as actuacións previas para contar cunha das instalacións máis ansiadas: unha piscina climatizada.

Así, o goberno municipal xa conta a día de hoxe cun completo estudio de viabilidade desta instalación, onde se recollen todos os datos sobre custes, as potenciais persoas usuarias, e outros parámetros de cara a contar con estas instalacións.

O estudo, que xa foi presentado pola consultora Dosvalor ao alcalde, Manuel Cuiña, establece a dotación dun centro acuático deportivo, que como xa se ten indicado se construirá na zona deportivo-escolar de Silleda, en concreto na parcela municipal ubicada a carón da planta de producción da Rede de Calor con Biomasa.

 

Neste plan de viabilidade, realizado con distintos parámetros e indicadores, establécese un edificio cunha superficie aproximada de 900 metros cadrados, cun coste de construcción estimado en 1. 083.129 euros.


O centro acuático deportivo contará cunha piscina climatizada de 25x12 metros, así como outras dependencias, entre as que figuran salas técnicas e outras dous para realizar distintas actividades deportivas, ademais de vestiarios ou sala de recepción.

Para atender este futuro centro, establécese a creación de 11 novos postos de traballo de forma directa.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A proximidade á Rede de Calor con biomasa permitirá ademais reducir prácticamente ao 50% o custe do consumo enerxético da instalación. “Como sempre dixemos, a nosa Rede de Calor, pioneira en Galicia, vai a facer máis viable esta instalación, pola que Silleda leva anos agardando, e que permitirá a veciñanza de Silleda e outras zonas limítrofes dispoñer deste servizo, moi demandando”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.


O estudo establece un número de potenciais usuarios que se sitúa en 1.077 persoas ao ano, tendo en conta ademais a realización de cursos de natación, a maiores do servizo para o público en xeral, fixando ademais taxas e bonos para as persoas usuarias.

 

Fórmula de construcción e xestión

Para a consecución da piscina climatizada e o centro deportivo no que se ubicará, plantéxase unha fórmula combinada de construcción e xestión, que sairían a concurso por un prazo estimado de 40 anos.  “Utilizaríase unha fórmula similar a que se realizou ca Residencia de Maiores de Silleda”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, “o que nos permitiría contar con este servizo a través do contrato de concesión”, engade.


Unha vez realizado o estudo, no que se estivo a traballar durante os últimos meses, o seguinte paso será a elaboración dos pliegos para poder licitar esta actuación. “A piscina climatizada é unha das actuacións máis agardadas e demandadas pola veciñanza. Silleda mellorará considerablemente os seus servizos cando esta dotación, para a que xa se deu un paso moi importante con este estudo de viabilidade, abra a súas portas”, indica Cuiña.

 

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page