Os pregos do contrato establecen máis de 30 áreas de actuación por tres anos e un prezo de licitación de 53.615 euros anuais
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda vén de iniciar o procedemento para sacar a concurso, mediante procedemento aberto, o contrato de servizo para o mantemento de parques e xardíns nos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira. A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta semana ao proceso, que continuará ca aprobación dos pregos de contratación e a licitación deste servizo.
Establécense máis de 30 áreas de actuación, incluíndo parques, zonas axardinadas, podas de árbores… E será por un período de tres anos. O prezo de licitación é de 44.310,01 euros máis IVE (9.305,10), o que fai un total de 53.615,11 euros anuais.
Con esta proposta, o equipo actual de xardinería adicarase ao mantemento doutras áreas situadas nas parroquias do rural. Dende o departamento municipal de Medio Ambiente e Servizos, que dirixe Pili Peón, advírtese que no municipio de Silleda existen numerosas
áreas verdes de titularidade municipal que requiren dun mantemento continuo de conservación tanto das condicións estéticas como de salubridade. “Debido ás características destas zonas e á grande extensión e dispersión do noso territorio, considérase necesario contratar a unha empresa especializada que realice un mantemento integral ao longo do ano para ter todas estas áreas nas debidas condicións”, engade a concelleira.
Комментарии