Cunha inversión de máis de 20.000 euros, cambiaranse todos os cuartos de baño do centro para adaptalos ás nenas e nenos e mellorar a súa aprendizaxe e autonomía
Laura Moure/Silleda
Esta semana deron comezo novos traballos de reforma e mantemento da Escola Infantil A Galiña Azul de Silleda. O proxecto a executar conta cun orzamento de 20.320,80 euros, que servirán para adaptar a altura e a grifería de todos os lavabos do centro co fin de facilitar a aprendizaxe autónoma nas labores de hixiene persoal das nenas e nenos usuarios da gardería.
Así pois, nos aseos das dúas aulas de 0-1 anos, colocaranse lavabos novos a unha altura de 40 cm. dende o chan; e nas 4 aulas restantes, destinadas a nenos e nenas de 1-2 anos e 2-3 anos, recolocaranse os lavabos existentes a 45 centímetros do chan. Con estas alturas permitirase que as pequenas e os pequenos poidan alcanzar sen problema a grifería e usar eles solos os lavabos.
Por outra banda, ampliaranse o número de lavabos da zona de comedor para así garantir maior axilidade no traballo de limpeza de mans logo das comidas, recolocándose tamén os existentes a 45 centímetros de altura. Ademais, para mellorar o uso por parte dos cativos e das cativas do centro, toda a grifería colocarase nova, substituíndo as billas actuais por
uns elemento monomando que son moito máis fácil de abrir e pechar.
A execución destas obras supón tamén a modificación de parte do alicatado dos cuartos de baño e a modificación de todas as instalacións de abastecemento e saneamento en cada un dos recintos de aseos das seis aulas e tamén do lavabo da zona de comedor.
Estas reformas necesarias e agardadas pola comunidade educativa da Escola Infantil, foron adxudicadas polo Concello de Silleda a empresa local Endenor, e financiaranse a través dunha compensación económica co Consorcio Galego de Servicios de Igualdade e Benestar, xa que descontarase o importe das obras dos 70.000 euros que o Concello ten
obriga de abonar anualmente ao Consorcio polo servizo da escola infantil.
Publicidade
A concelleira de Educación de Silleda, Ángela Troitiño, destaca que “con esta nova colaboración co Consorcio galego se cubre unha nova demanda da comunidade educativa e se facilita o uso das instalación por parte das e dos pequenos a escola”, e recorda que o ano pasado xa se levaron a cabo reformas neste centro, co mesmo sistema de compensación económica, consistentes en impermeabilizar as cubertas, substituír os biombos por tabiques lixeiros (con aillamento exterior acústico e porta de paso corredeira), repoñer o caucho do patio interior e colocar nesta zona de xogos unha varanda de separación.
A Galiña Azul de Silleda rematouse de construír no 2011, e dende entón o Concello vense encargando de arranxar pequenas deficiencias e obras de conservación (pintado, arranxos varios….) ademais de abonar uns 70.000 euros anuais ao consorcio para que se poida ofrecer o servicio da escola infantil.
Comments