O Concello de Silleda inicia as obras de mellora na Escola Infantil A Galiña Azul
- Laura Moure
- 19 ene 2022
- 2 Min. de lectura
Renovarase o caucho do patio interior do centro e actuarase tamén para previr humidades e renovar biombos, entre outros
Laura Moure/Silleda
Este martes iniciáronse os traballos de reforma e mellora da Escola Infantil A Galiña Azul de Silleda. A empresa adxudicataria das obras, cun investimento de 23.000 euros, iniciou as obras para renovar toda a área de caucho do patio interior. Tamén se levarán a cabo traballos para impermeabilizar as cubertas na zona de aulas de 2-3 anos, e substituiranse os biombos existentes entre as aulas por tabiques lixeiros, con aillamento exterior acústico e porta de paso corredeira. Ademais de repoñer todo o caucho do patrio, tamén se colocará nesta zona de xogos unha baranda de separación.
As obras, adxudicadas polo Concello de Silleda, supoñen un investimento de 23.000 euros nestas reformas necesarias e agardadas pola comunidade educativa da Escola Infantil, en colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Unha vez que o Concello abone esta cantidade á firma adxudicataria, o Consorcio compensará o investimento con cargo ás liquidacións que abona anualmente a entidade local ao Consorcio (o Concello abona máis de 70.000 euros anuais polo servizo da escola infantil).

Tamén está previsto nunha segunda fase realizar outras melloras no interior das aulas que previsiblemente se acometerán durante o verán aproveitando cando o centro esté pechado para non interferir na súa actividade.
A concelleira de Educación de Silleda, Ángela Troitiño destaca que con esta actuación se virán a cubrir as necesidades estruturais de matemento que viña acusando a escola, que abriu as súas portas en Silleda no ano 2010, e na que o Concello de Silleda xa se vén encargando de outras actuacións de mantemento (pintado, arranxos varios….).
Comments