O Concello de Silleda informa do corte de rúas con motivo das Festas de Verán de Silleda
- Laura Moure
- 6 jul 2022
- 2 Min. de lectura
Dende o xoves ao mediodía estará pechado ao tráfico a rúa Progreso e as adxacentes, así como a Pintor Colmeiro, onde se situarán as atraccións, para garantir a seguridade
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda colocará nas vindeiras horas bandos informativos na vila para dar conta dos cortes de vías aos que se procederá dende o xoves con motivo das Festas de Verán. Na xornada do xoves, ao mediodía (14:00 horas) procederase a cortar a rúa Progreso (dende Condes do Deza e ata o enlace ca rúa Trasdeza) así como as rúa adxacentes a esta: rúa Antón Losada, Castrelo, Cartaxena e Emilio Alonso Paz. Tamén nesta primeira xornada festiva se cortará a rúa Pintor Colmeiro, deixando libre a pista a Mourelos, dado que nesta zona ademais da verbena do sábado estarán situadas todas as atraccións e postos de venda ambulante.

O venres, xornada festiva local no municipio de Silleda, procederase a cortar o primeiro tramo da avenida do Parque, tamén ao mediodía, dende o cruce ca Trasdeza ata a intersección que forman as rúas Santa Eulalia e rúa dos Castros. Este tramo volverase a cortar na xornada do domingo día 10.
Tamén a rúa Venezuela se cortará puntualmente o venres á noite (a partir das 12 da noite e ata a madrugada) e o sábado, xa dende as 22:00 horas.
A rúa Pontevedra estará cortada na xornada do domingo, para a celebración de xogos acuáticos, dende as 10:00 horas. Así mesmo, o bando informativo recolle a prohibición de estacionar dende o xoves en toda a rúa Progreso, no primeiro tramo da avenida do Parque
(durante o venres e o domingo) e tamén na rúa Pontevedra durante a xornada de domingo.
Todas estas restriccións realízanse para garantir a seguridade das persoas que acudan durante as xornadas festivas a Silleda. Dende o Concello, en colaboración ca Comisión de Festas, elaborouse un dispositivo para realizar os cortes destas vías e a correspondente
sinalización, entre outros.
Por outra banda, e durante os días nos que se prevé unha maior afluenza, recoméndase acceder a Silleda utilizando as vías periféricas (avenida da Estación, recinto Feiral e a circunvalación que une a N-525 ca estrada a Vila de Cruces).
Comments