top of page

O Concello de Silleda imparte sesións sobre reciclaxe e compostaxe nos centros educativos

Leváronse a cabo onte senllas sesións con alumnado de 6º de Primaria nos CEIP de Silleda e da Bandeira


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de rematar a actividade de formación e difusión sobre a reciclaxe e compostaxe co protagonismo dos centros educativos. Así, na xornada de onte celebráronse senllas sesións co alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe de Silleda e o CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira. Ademais da separación de residuos para a súa correcta reciclaxe, tamén se repartiu material informativo sobre a correcta separación de residuos, así como algúns consellos e boas prácticas para previr o desperdicio de alimentos e reducir así a xeración de residuos.


Con esta acción, quérese reforzar a mensaxe de aportar cada residuo ao colector que lle corresponde, chamando á cidadanía, e en especial á mocidade, a corresponsabilizarse, así como da importancia da prevención de residuos, para reducir o impacto ambiental do noso municipio.

Coa incorporación do colector marrón en xaneiro de 2024, xa son cinco as fraccións que a cidadanía atopará en todas as illas de colectores. Estas sesións foron organizadas dende a Concellería de Transición Ecolóxica, que dirixe Manuel Requeijo e a Concelleira de Educación, que dirixe Ángela Troitiño, e enmarcanse na campaña de formación difusión e seguemento da compostaxe doméstica municipal.


Esta actuación, lévase a cabo a través da subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, (MT975T) para actuacións en materia de residuos de competencia municipal, axuda cofinanciada pola Unión Europea a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU), enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.


O proxecto contou cun orzamento total de 14.990 euros, dos cales a Xunta subvenciona o 90 % (13.491 euros), mentres que o 10 % restante será achegado polo propio Concello de Silleda.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A empresa ANCARIA SL, adxudicataria do contrato, xa rematou os traballos, que incluiron a edición e distribución de guías de compostaxe, visitas porta a porta de seguimento e comprobación do proceso de compostaxe individual, así como o acompañamento técnico á veciñanza e a elaboración dun informe final de avaliación co conxunto das actuacións desenvolvidas, e que agora se complementan con estas sesións nos centros escolares.


Con esta iniciativa, o Concello de Silleda continúa a apostar por un modelo de xestión de residuos máis sostible e eficiente, favorecendo a participación cidadá e impulsando a compostaxe doméstica como ferramenta clave na transición cara á economía circular.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page