Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda encargará a realización do proxecto para levar a rede de saneamento á parroquia de Lamela. Esta iniciativa, que se vén ademais solicitando dende a asociación de veciños da localidade, xa foi estudiada nos últimos meses dende o Concello, coa revisión das instalacións dispoñibles para a conexión ca EDAR da Bandeira, situada precisamente en Liñares, en terreos da parroquia de Lamela.
A actuación para incorporar esta localidade á rede municipal de saneamento foi presentada este martes ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, polo alcalde, Manuel Cuiña. “Trátase dunha obra ca que iniciaríamos o saneamento no rural, e tendo en conta a proximidade á EDAR existente cremos que é un proxecto acertado e necesario”, indica o alcalde.
En canto a esta cuestión, o Concello presentará o proxecto unha vez redactado á entidade autonómica para ver as posibilidades de cofinanciación entre as dúas Administracións. No encontro, o rexedor tamén foi informado doutra das demandas de Silleda en materia de infraestructuras: a necesaria mellora do vial autonómico PO-201 entre Silleda e Laro, que acusa un notable deterioro. A conselleira explicou ao rexedor que o proxecto está xa en marcha para dotar dunha nova capa de rodadura a todo o tramo, e que a actuación se
licitará nos vindeiros meses. “Agradecemos que esta actuación esté xa contemplada, e pedimos paciencia ás persoas usuarias e veciños da zona, á espera de que as obras de mellora se poidan executar o antes posible”, explica o alcalde.
Na xuntanza celebrada en San Caetano tamén se abordou a cesión ao Concello de dúas estradas autonómicas: a PO-211 (rúa da Estación de Silleda) e a estrada da estación na Bandeira (PO-210), un trámite pendente dende hai tempo e que se aprobará este mesmo mes no Consello da Xunta. Dende o Concello de Silleda o alcalde agradece á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade a atención prestada neste encontro cordial agardando que as iniciativas presentadas se poidan materializar o antes posible.
Sesións divulgativas
Por outra banda, a Concellería de Benestar segue a programar actividades, a través do plan Silleda Activa, dirixidas aos maiores. Así, ademais das actividades como Musicoterapia Xerontolóxica e Ximnasia de Mantemento, tamén se poñen en marcha sesións divulgativas.
Neste contexto, o vindeiro venres día 15 terá lugar ás 11:00 horas no Centro Social de Silleda a sesión titulada Maiores, prevención de caídas e movemento saudable, a cargo do fisioterapeuta silledense Gustavo González Villar.
As inscricións poden realizarse no propio centro ou a través do teléfono 986 592 037.
Comments