O Concello de Silleda e o SAREB anuncian a rehabilitación do edificio da avenida da Estación
- Laura Moure
- 29 sept 2024
- 1 Min. de lectura
As obras, que se iniciarán en breve, suporán a posta no mecado de 44 vivendas, outros tantos garaxes e un local na planta baixa
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda e a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) anunciaron a próxima recuperación e acondicionamento dun edificio situado na Avenida da Estación número 15 do casco urbano de Silleda. Con estas obras lograrase o obxectivo de finalizar as 44 vivendas, 44 garaxes e o local comercial da planta baixa que quedaron abandonados no ano 2008 tras o estourido da burbulla inmobiliaria, o que provocou o deterioro exterior e a vandalización do interior do edificio.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, celebrou a noticia destacando que "a recuperación deste inmoble, cun estado que estaba a xerar numerosos problemas de salubridade, é unha fantástica nova para o noso municipio", e engadiu que desde o goberno seguirán impulsando accións tanto neste como noutros inmobles da localidade que están en mans privadas.
Publicidade
Unha das principais liñas de traballo da SAREB é potenciar a venda de activos residenciais ás administracións públicas, facilitando que estas poidan adquirir vivendas en condicións de compra preferentes. Por iso, o Concello e a Sareb continúan negociando para destinar vivendas a alugueiro social.
Así mesmo, recentemente a Sareb cedeu ao Concello o uso dunha finca situada no barrio de Campo para o seu uso como aparcamento.
Comentarios