En 2021 outorgáronse outras oito subvencións, co que o número de proxectos beneficiarios ascende a 50 en total
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda outorgou ao longo do presente ano oito axudas ao abeiro do Programa Municipal á Creación de Emprego, cun investimento de 15.000 euros, o que supón o total da partida anual destinada a estas subvencións. Con estas novas axudas, son xa un total de 50 as solicitudes subvencionadas dende a posta en marcha deste programa municipal no ano 2015.
Na primeira anualidade subvencionaronse cinco proxectos; tres no ano 2016; oito respectivamente nos anos 2017, 2018 e 2019, outras 10 no pasado 2020 e agora oito novamente en 2021. En canto ao orzamento, contando o total de axudas outorgadas dende a posta en marcha desta iniciativa de apoio, o Programa Municipal de Axuda á Creación de Emprego suma un total de 60.603 euros destinados ao apoio a todas aquelas persoas que, estando en situación de desemprego, poñan en marcha novas iniciativas empresariais.
O listado na web municipal
O listado de todas as axudas outorgadas pode consultarse na web municipal, no apartado de Silleda Emprega, ao que se incoporará nos vindeiros días a relación correspondente a 2021. Neste último exercicio, se ben as condicións estipuladas nas bases foron similares ás de anos anteriores, aumentaron as contías dos conceptos subvencionables. Así, a axuda por apertura de local comercial pasou de 300 a 600 euros, e a Alta no Réxime de Cotización de Autónomos de 600 a 900 euros.
Deste xeito, modificouse tamén o importe máximo da axuda, que pasa de 3.600 a 4.200 euros. Ademais, trátase dun programa programa no que se valora a maiores a perspectiva de xénero, con discriminación positiva no apartado referido á contratación de persoal.

O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego iniciouse no 2015 como unha das grandes apostas do goberno municipal de Silleda para fomentar a creación de emprego. “Calquera silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumpla as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira de Emprego, Pili Peón. Puntúase que o promotor/a do proxecto sexa parado/a de longa duración; a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I.
Agraciados neste último ano
Tamén se outorgan a maiores puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais. Na relación de proxectos beneficiarios neste último ano figuran Beatriz Dopazo (2.400 euros) pola posta en marcha dun local de hostalería; Patricia Pereiro (2.400 euros) pola apertura dun comercio de alimentación e estanco; Beatriz Rey (2.700 euros) por apertura dun centro pedagóxico; José Andrés Bahamonde (900 euros) por alta de autónomo no sector da construcción; María Aranza Sanmartín (3.300 euros), por apertura de establecemento hostaleiro; Antonio González Villar (900 euros) por alta de autónomo como fisioterapeuta; Javier López Taboada (1.500 euros) por alta e apertura estudio interiorismo; e Miguel Fondevila López (900 euros) por alta de autónomo no sector do transporte.
Comments