O Concello de Silleda contratará un servizo especializado para revisar as atraccións das Festas
- Laura Moure
- 4 jul
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda contratará un servizo especializado para a inspección de seguridade das atraccións que se instalarán durante as Festas de Verán, que se celebrarán a vindeira semana, do 10 ao 13 de xullo. Trátase dunha medida coa que o goberno local, en colaboración quere reforzar a seguridade e garantir que a veciñanza e visitantes poidan desfrutar das festas con todas as garantías.

Por primeira vez, o Concello asumirá a revisión técnica completa dos equipamentos, ademais de esixir a documentación habitual ás empresas responsables das barracas, como se vén facendo nos últimos anos, e que será revisada pola empresa especializada.
Publicidade
Así mesmo, e ademais de revisar a documentación, a través desta inspección a realizar por unha ECCOM (Entidade de Certificación de Conformidade Municipal) , avaliaranse os compoñentes de montaxe e desmontaxe, o estado de conservación, os dispositivos de seguridade, conexións eléctricas…, así como outros factores a fin de garantir a seguridade das persoas usuarias. O obxectivo é minimizar na maior medida posible calquera risco de accidente.
Dende o Concello de Silleda, en coordinación ca comisión organizadora das festas, xa se está a avisar a todos os feirantes para que presenten a documentación canto antes no Rexistro a fin de realizar a revisión documental, a que seguirá a partir da vindeira semana a inspección das montaxes.
Publicidade
Festas inclusivas
A aposta do Concello pola seguridade complétase cunha medida de carácter inclusivo, xa que durante os días de festa, todas as atraccións permanecerán sen luces nen ruído entre as 19:00 e as 20:00 horas. Desta forma, nenos e nenas con neurodiverxencia poderán desfrutar tamén destes espazos de lecer en condicións máis accesibles e adaptadas ás súas necesidades.
O Concello destaca que con esta iniciativa se busca garantir unhas festas seguras, inclusivas e pensadas para todas as persoas, e se agradece así mesmo a colaboración das empresas do sector.
Comments