A iniciativa pretende crear un espazo accesible, onde as persoas poidan desprazarse andando desde o casco urbano, fomentando hábitos saudables e sostibles
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda está a avaliar a posibilidade de habilitar un espazo próximo ao casco urbano para que a veciñanza poida plantar e xestionar a súa propia horta. Co obxectivo de coñecer o interese real da cidadanía, nos próximos días lanzarase unha enquisa en liña para recoller opinións e valorar a viabilidade deste proxecto (preme
aquí).
A iniciativa pretende crear un espazo accesible, onde as persoas poidan desprazarse andando desde o casco urbano, fomentando hábitos saudables e sostibles. Segundo destacou a alcaldesa, Paula Fernández Pena, “queremos ofrecer unha oportunidade para que aquelas persoas que o desexen recuperen o contacto coa terra, cultiven a súa propia horta e promovan hábitos de consumo responsables, pero entendemos que este proxecto só será posible se conta co interese e a implicación da cidadanía.”

A proposta contempla un modelo de autoxestión, o que implica que as persoas participantes serán responsables do funcionamento diario das hortas. “Este enfoque non só reforza o compromiso coa sustentabilidade, senón que tamén fomenta o sentimento de comunidade entre aquelas persoas que decidan participar no proxecto”, engadiu Fernández Pena.
En función das respostas recollidas na enquisa, o Concello decidirá se se leva a cabo esta iniciativa, que suporía un paso máis na aposta por un modelo de vida máis sostible e participativo. “Queremos tomar unha decisión basada nas necesidades e intereses reais da xente de Silleda. Por iso, animamos a todas as persoas a participar na consulta, que tamén servirá para que aquelas que teñan dúbidas poidan obter máis información e decidirse a formar parte do proxecto.”
Publicidade
Con esta iniciativa, o Concello de Silleda reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade e a calidade de vida, abrindo novas oportunidades para conectar á cidadanía co seu contorno e fomentar un estilo de vida máis saudable e respectuoso co medio ambiente.
Comentários