O Concello de Silleda colocará 15 novos colectores de vidro no rural do municipio
Situaranse en puntos de Bascuas, Carboeiriño, Galán, Aldea Grande, Sino, Vilar de Cira, Paredes, Sestelo, Ribeirao, Costela, Chapa, Toiriz, Mourelos, A Laxe e Campo-Vilar
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa avanzando na mellora da recollida selectiva de vidro coa colocación de 15 novos colectores en distintos puntos do rural do municipio. Esta nova actuación dá continuidade ao plan iniciado nos últimos meses para reforzar e ampliar a rede deste servizo, tanto nos núcleos urbanos como nas parroquias.

Os novos colectores instalaranse en Bascuas (Dornelas), en Carboeiriño (Carboeiro), Galán (Laro) , Aldea Grande e Sino (en Ponte), en Vilar de Cira, Paredes e Sestelo (Escuadro) , en Ribeirao (Negreiros) Costela (Margaride), en Chapa, Toiriz e Mourelos (Silleda), A Laxe (Oleiros) e Campo (Vilar). Segundo a planificación prevista, as novas unidades colocaranse en puntos xa existentes de recollida de residuos ou en illas de colectores que se completarán con este novo servizo.
Dende o Concello sinálase que esta ampliación responde ao obxectivo de seguir achegando á veciñanza do rural medios axeitados para facilitar a separación de residuos e mellorar a cobertura da recollida selectiva en todo o territorio municipal. A actuación permitirá incrementar o número de puntos dispoñibles para depositar vidro, reducindo desprazamentos e facendo máis accesible a reciclaxe.
PUBLICIDADE
O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo, destaca que “seguimos dando pasos para mellorar o servizo de recollida selectiva en todo o municipio, especialmente no rural, onde é fundamental contar con puntos próximos e ben distribuídos”. Engade ademais que “a colaboración da veciñanza é clave para avanzar na reciclaxe, pero tamén é responsabilidade da administración facilitar os medios necesarios para facelo posible”.
Esta nova dotación súmase ás actuacións realizadas nos últimos meses, nas que o Concello de Silleda xa reforzou e renovou colectores de vidro tanto nos principais núcleos urbanos como en distintas parroquias, así como colectores para roupa e calzado e aceites usados. Con este novo incremento, o goberno municipal continúa coa súa aposta pola mellora progresiva dos servizos ambientais e pola extensión da recollida selectiva a todo o territorio.
PUBLICIDADE
Dende o Concello lémbrase tamén a importancia de facer un uso correcto dos colectores de vidro, depositando neles botellas, tarros e frascos, e evitando introducir outros materiais como tapas, tapóns, louza, cerámica, cristais ou lámpadas. A reciclaxe do vidro contribúe ao aforro de materias primas e enerxía, reduce a xeración de residuos e favorece un modelo de xestión máis sostible.









Comentarios