A inauguración da exposición “Muller Rural: pasado, presente e futuro” o día 18 será o acto central
Laura Moure/Silleda
Este martes, no marco do Día Internacional da Muller Rural, o Concello de Silleda decidiu, dentro do programa IN-visibles, outorgar un recoñecemento especial a Virginia Colmeiro Pérez, como a “IN-visible” deste mes de outubro polo seu compromiso exemplar co desenvolvemento rural. Este será o primeiro acto que se realiza no concello para conmemorar esta data tan importante, marcando o inicio das celebracións en honor ás mulleres rurais.
As actividades continuarán ca inauguración da exposición “Muller Rural: pasado, presente e futuro”, unha iniciativa que busca destacar a importancia das mulleres rurais nas diferentes etapas da historia. A exposición será inaugurada o próximo 18 de outubro ás 20:30 horas na Casa do Concello, onde permanecerá aberta ata o 30 de outubro.
Esta mostra, organizada pola entidade Acción contra a Fame, no marco do proxecto Comunidades Rurais Sostibles, financiado polo Fondo Social Europeo Plus do Ministerio de Traballo e Economía social e a Fundación Mapfre, conta coa colaboración do Banco de Imaxes Dixitalizadas de Marisé García Hermida, e foi deseñada para reflexionar sobre o papel imprescindible das mulleres rurais no pasado, a súa presenza no presente e a súa influencia no futuro.
Na primeira parte da exposición renderase homenaxe ás mulleres do pasado a través dunha serie de fotografías que capturan a realidade das mulleres rurais de séculos anteriores. Con estas fotografías, os visitantes poderán apreciar como estas mulleres, co seu esforzo e dedicación, foron piares do noso desenvolvemento económico e social, aínda que moitas veces o seu labor non foi suficientemente recoñecido.
No presente, as mulleres rurais seguen a ser un motor fundamental no noso día a día e para recoñecer o seu traballo e visibilizar o seu papel actual, a exposición incluirá un photocall interactivo onde as mulleres do presente poderán fotografarse, deixando un testemuño gráfico da súa presenza e contribución ao desenvolvemento das áreas rurais. Este espazo invita á participación activa das mulleres de Silleda, co obxectivo de crear un arquivo vivo e dinámico que recolla os seus rostros e o seu compromiso co rural na actualidade.
O apartado dedicado ao futuro propón un espazo participativo cun libro de desideratas, onde todas as persoas asistentes poderán deixar por escrito os seus desexos, ilusións e reflexións sobre o futuro das mulleres rurais. Este libro servirá como símbolo de esperanza e compromiso colectivo coas novas xeracións de mulleres rurais. Esta ultima iniciativa formará parte dun proxecto colectivo que terá continuidade ao longo dos anos, e que culminará cunha publicación
Ademais, durante a inauguración da exposición, procederáse á lectura do manifesto en defensa das mulleres rurais un texto acordado pola corporación municipal que destaca a relevancia das mulleres rurais como motor de cambio e desenvolvemento nas nosas comunidades.
Publicidade
O acto culminará co recoñecemento especial a IN-visible Rural, Virxinia Colmeiro, polo seu compromiso co rural, xa que esta Educadora social e criminóloga cambiou o seu destino para adicarse a promoción económica no rural, coa creación do espazo O remanso de Trasfontao, que xa é referencia en revistas internacionais do sector turístico, polo que o goberno local queere recoñecer públicamente o seu esforzo.
O Concello de Silleda convida a toda a veciñanza a participar nestes actos que buscan non só render homenaxe ás mulleres rurais do pasado, senón tamén visibilizar a súa relevancia no presente e asegurar un futuro cheo de oportunidades para elas. Segundo Asunción García “con estas actividades, Silleda reafirma o seu compromiso de visibilizar e fortalecer o papel das mulleres rurais, esenciais no desenvolvemento social e económico do noso concello”
Comments