O Concello de Silleda asina o convenio con Christian Costoya para apoiar a súa proxección internacional
- Laura Moure

- 26 abr
- 2 min de lectura
A achega municipal, de 10.000 euros, contribuirá a impulsar a traxectoria do piloto, integrante do programa de desenvolvemento de McLaren
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de asinar un convenio de colaboración co piloto silledense Christian Costoya, unha das novas promesas do automobilismo internacional, co obxectivo de apoiar a súa progresión deportiva. O acordo, formalizado pola alcaldesa, Paula Fernández, e por Marcos Costoya, pai e representante do piloto, contempla unha subvención nominativa de 10.000 euros, que deberá ser xustificada ao igual que o resto
das entidades beneficiarias das axudas municipais.

Christian Costoya, que o pasado ano foi incorporado ao programa de desenvolvemento de novos talentos da escudería McLaren, conta xa cunha destacada traxectoria a pesar da súa xuventude. Iniciado no mundo do karting desde moi novo, foi acadando importantes resultados en competicións autonómicas, nacionais e internacionais, situándose como un dos pilotos con maior proxección do panorama actual.
A súa progresión constante, unida ao seu talento e capacidade de traballo, levouno a dar o salto a estruturas profesionais de primeiro nivel, o que supón un importante recoñecemento ao seu potencial. Neste contexto, o mozo piloto vén de trasladarse recentemente a Viareggio (Italia), co fin de continuar coa súa formación e preparación nun entorno altamente competitivo.
PUBLICIDADE
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destacou que “para o noso concello é un orgullo contar cun deportista como Christian, que está a levar o nome de Silleda por circuítos de todo o mundo”. Fernández subliñou tamén que “detrás dos seus logros hai moito esforzo, sacrificio e traballo constante, valores que consideramos fundamental apoiar desde as institucións públicas”.
A rexedora engadiu ademais que “este convenio é unha maneira de acompañar a súa traxectoria nun momento clave, no que dar o salto ao ámbito internacional require tamén dun importante respaldo económico e institucional”, ao tempo que incidiu en que “Christian é un referente para a mocidade e un exemplo de que, con dedicación e talento, pódense acadar grandes metas”.
PUBLICIDADE
Con esta iniciativa, o Concello de Silleda reafirma o seu compromiso co deporte e co apoio ás novas promesas locais, contribuíndo a impulsar carreiras que, como a de Christian Costoya, destacan pola súa proxección e polos valores que transmiten.








Comentarios