O investimento previsto é de 20.418 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda actuará nos vindeiros meses no tramo do Camiño de Santiago ao seu paso pola parroquia de Taboada, cunha serie de actuacións para a conservación, protección e embelecemento do tramo de calzada que segue á ponte románica sobre o
río Deza. Esta actuación, cun investimento previsto de 20.418 euros realizarase a través das axudas da Consellería de Turismo para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño, e con fondos municipais.
O tramo no que actuará o Concello.
Por este tramo discorre o Camiño do Sudeste (coñecido tamén como Vía da Prata) e o Camiño de Inverno, nun dos puntos máis fermosos da ruta a Compostela ao seu paso polo municipio silledense. Con esta actuación, o Concello de Silleda quere continuar mellorando a conservación do Camiño e a súa contorna para poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e natural.
As accións propostas son respetousas co desenvolvemento e conservación do patrimonio a través do embelecemento, acondicionamento e protección do Camiño. Así, retiraránse as actuais pías de cemento na fonte da contorna (que se substituirán por outras de granito), e farase por parte dun restaurador/a unha limpeza da pedra fundacional de Ponte Taboada. Debido á falta de mantemento as escorrentías de auga están afectando a traza nesta zona, polo que se buscará restituí os cursos orixinais das augas, comenzando por limpar a canles laterais que están atoadas a día de hoxe.
A intervención no camiño consistirá en traballos de roza e limpeza manual, e a drenaxe das augas que discorren polo camiño á canle da beira esquerda (baixando cara ao río Deza) en tres puntos. Estes traballos, tal e como figura na memoria da intervención, serán sometidos a control arqueolóxico e as canalizacións irán soterradas recuperabeas polos cachotes que conforman o propio camiño, varios deles fóra do seu sitio.
Tamén se recolocarán e asentarán algunhas das pedras dos laterais que se atopan soltas, e se reconstruirá un muro de cachotería de pedra que venceu sobre o camiño. “Con esta actuación continuamos poñendo en valor o Camiño ao seu paso por Silleda, nun dos puntos máis fermosos do trazado, xunto á emblemática Ponte Taboada”, indica a concelleira de Cultura e Turismo, Mónica González.
Comments