top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O Concello de Silleda alega ao vertedoiro de Campomarzo polas posibles afeccións medioambientais

A alegación á totalidade da instalación está na mesma liña que o informe técnico remitido o pasado 20 de marzo á Dirección xeral de Calidade Ambiental


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de presentar alegación, tal e como xa se anunciara o mes pasado, ao impacto ambiental e a solicitude de cambio de uso do vertedoiro de residuos de Campomarzo, que se atopa en exposición pública ata o vindeiro xoves día 14.

Unha vez analizado o proxecto básico, e na mesma liña que o informe técnico remitido xa o pasado 20 de marzo, dende o Concello solicítase que se emita declaración de impacto ambiental desfavorable, desestimándose, en consecuencia, a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada para dito vertedoiro.


Na alegación presentada, advírtese que ademais de non contar unha serie de informes permisos (entre eles o de AESA por atorparse en zona de afección de servidume, o de estradas da Xunta, de Patrimonio ou de Augas de Galicia, entre outros), a ubicación, en zona inundable e de alta permeabilidade, non é a idónea por atorparse nunha zona de captación de augas potables e moi preto da Rede Natura 2000.

Tamén se advirte que non se restaura o espazo mineiro e se acumulan residuos nesta zona protexida incluida no Sistema Fluvial Ulla-Deza da citada Rede Natura, dende o ano 2004. A este respecto, a alegación do Concello de Silleda recolle que non se avalía o impacto ambiental sobre a citada rede protexida no tocante ás afección sao cauce do Toxa, aos hábitats, ou a flora e fauna, entre outros.


O alcalde, Manuel Cuiña, que mantivo xa unha reunión ca veciñanza o pasado 17 de marzo, reitera que o Concello “está e estará a carón do que temos que estar: ao lado da veciñanza, defendendo os seus intereses e tamén do territorio que temos, neste caso cun espazo único e singular como é a Fervenza do Toxa e o seu entorno”, indicou Cuiña.

O rexedor lembra que o vertedoiro se construiu en 2002, daquela ca unanimidade de toda a Corporación, cunha xestión posterior que “para nada foi exemplar” e agarda que que dende a Xunta de Galicia se teñan en conta as alegacións presentadas tanto pola institución como pola plataforma veciñal e outros colectivos.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page