top of page
Foto del escritorLaura Moure

O Concello de Silleda acolle ‘Cine na rúa: unha ventá ao mundo’ o venres 20 de setembro

Proxectaranse catro curtametraxes vencelladas ao proxecto de cooperación que Solidariedade Internacional de Galicia está a desenvolver en Guatemala


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda acolle o venres 20 de setembro, ás 18:00 horas, a actividade Cine na rúa: unha ventá ao mundo. Esta iniciativa, que se desenvolverá na praza do Concello, busca poñer en valor a cooperación internacional desenvolvida por entidades galegas, e

facelo nun espazo público para garantir a accesibilidade e a participación de toda a cidadanía.


Durante a sesión, proxectaranse catro curtametraxes centradas en proxectos de cooperación internacional que se están levando a cabo en Guatemala. Estas pezas audiovisuais abordarán temas de gran relevancia como a soberanía alimentaria, a seguridade e hixiene alimentarias, o dereito a unha vivenda digna, o dereito á auga e o dereito á educación, todos eles relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

O obxectivo principal desta actividade é amosar como a cooperación galega, co apoio de concellos como Silleda a través do Fondo Galego, está a contribuír a mellorar as condicións de vida en países prioritarios como Guatemala. Trátase dun traballo man a man coas organizacións locais, fortalecendo as capacidades das persoas responsables de dereitos e incidindo na obriga dos gobernos de garantir eses dereitos fundamentais.


A actividade, que terá unha duración aproximada dunha hora e media, incluirá tamén un coloquio posterior á proxección das curtametraxes. Este espazo de diálogo permitirá que as persoas asistentes compartan as súas impresións e formulen preguntas, fomentando unha conversa enriquecedora arredor das temáticas tratadas.


Publicidade

Con Cine na rúa: unha ventá ao mundo, o Concello de Silleda busca achegar á súa veciñanza unha perspectiva máis ampla sobre os desafíos globais e a importancia da cooperación internacional, contribuíndo a unha maior conciencia social e ao fortalecemento dos lazos entre comunidades.


Publicidade

A cita está organizada por Solidariedade Internacional Galicia e o Fondo Galego de cooperación e solidariedade coa colaboración do Concello de Silleda e o financiamento de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page