De momento están suspendidas as dúas citas para os maiores dos días 22 e 29 e o resto do programa mantense, con actividades lúdicas e culturais
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda abre a inscrición para varias actividades incluídas no programa de Nadal. Así, será preciso anotarse para participar na Festa de Fin de Ano infantil, que terá lugar o xoves día 30 no pavillón César González Fares; na Xincana que se celebrará polas rúas de Silleda o día 28; na sesión Son do Berce para bebés o 27 de decembro en Vista Alegre, e nas sesións de xogos tradicionais, previstas para o 29 en Silleda e o 3 de xaneiro na Bandeira.
Para todas estas actividades será preciso anotarse chamando ao 986 580 000, agás no caso da Xincana, no que as anotacións se farán no 986 592 037. No caso da carreira de San Silvestre, as inscricións realizaránse ese mesmo día na praza de Juan Salgueiro.
As actividades do programa de Nadal mantéñense de momento agás dúas que xa foron descartadas ante a situación sociosanitaria. Así, por precaución xa a semana pasada decidiuse suspender a Xuntanza de Nadal de Maiores do 22 e o Ensaio de Fin de Ano dos maiores, que se fixara para o día 29.
Comments