O Concello de Silleda abre a convocatoria das axudas á creación de emprego
- ecosdacomarca
- 10 abr 2023
- 2 Min. de lectura
O BOP publicou o pasado mércores o anuncio para solicitar estas subvencións para o presente exercicio
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda volve convocar as axudas do Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego, posto en marcha dende 2015. Logo da publicación das bases o pasado mes de febreiro, o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicaba o pasado mércores día 5 a convocatoria destas axudas, que se tramitan dende o departamento municipal de Emprego, que dirixe Pili Peón e que xa se poden solicitar ata finais de ano.

As condicións son similiares ás de convocatorias anteriores, podendo solicitar estas axudas aquelas persoas que estén en situación de desemprego e queiran emprender proxectos pola súa conta. As bases e formularios están xa dispoñibles na web municipal www.silleda.gal
O importe máximo da axuda é de 4.200 euros. Ademais, trátase dun programa programa no que se valora a maiores a perspectiva de xénero, con discriminación positiva no apartado referido á contratación de persoal. O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego iniciouse no 2015 para fomentar a creación de emprego. “Calquera silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumpla as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira.
Puntúase que o promotor/a do proxecto sexa parado/a de longa duración; a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I. Tamén se outorgan a maiores puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.
As axudas outorgadas poden consultarse na páxina web municipal (www.silleda.gal) ao igual que as bases e os anexos que hai que presentar para formalizar a solicitude.
Comments