Na web municipal crearase un banner para a realización dunha enquisa de cara a coñecer a percepción da poboación sobre a seca no municipio
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda está a elaborar un plan de emerxencia ante a situación de seca, logo de recibir hai varios meses unha resolución pola que dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade se lle outorga unha subvención de 13.842,40 euros para a redacción de dito proxecto. Dende o departamento municipal de Medio Ambiente solicitouse esta axuda no pasado mes de xuño, a fin de proceder á redacción do documento, ao abeiro das axudas aprobadas en no mes de abril para os municipios galegos en réxime de concorrencia competitiva.
A través deste documento, as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á pequenas e medianas poboacións, contarán cun instrumento básico de planificación para xestionar os posibles episodios de seca, de tal xeito que se garanta o abastecemento á poboación, mellorando o seu sistema de abastecemento, reducindo a súa vulnerabilidade fronte ás secas nun contexto de cambio climático e involucrando á cidadanía na elaboración destes plans, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos, fortalecendo a planificación orientada á prevención e adaptación fronte ao risco por seca.
Para abrir o proceso á participación da veciñanza, estase a realizar unha enquisa á poboación, a fin de coñecer a percepción que a veciñanza de Silleda ten sobre a seca. Así, ademais do envío de correos a negocios e empresas, tamén se colgará nos vindeiros días na web municipal un banner onde os veciños e veciñas poderán participar na enquisa cidada. “Agardamos que a veciñanza colabore para conseguir mellorar a calidade da auga e paliar os efectos adversos das secas nos sistemas de abastecemento”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Pili Peón.
Un instrumento básico
Os Plans municipais de emerxencia ante situacións de seca son un instrumento básico para a xestión destes episodios a nivel de concello e/ou sistema de abastecemento: definen os protocolos de actuación no ámbito local, establecen as medidas necesarias para garantir o subministro de auga á poboación en caso de seca e fomentan o emprego eficiente dos recursos hídricos.
“O Concello de Silleda, aínda tendo cubertas as súas necesidades de abastecemento non é alleo a este problema que cada vez pode ser máis frecuente (recordemos os graves incendios do 2017 e as súas consecuencias para os nosos veciños e veciñas) e polo tanto considera de sumo interese contar con un documento municipal que serva como
instrumento de cara a tomar medidas para evitar e minorar os períodos de seca e no caso de habelos contar con un protocolo claro de actuación”, indica Pili Peón, concelleira de Medio Ambiente de Silleda.
Os plans de seca buscan ademais de planificar mellorar a concienciación sobre o consumo de auga, e unha maior sensibilización sobre a necesidade de aforro deste recurso natural.
コメント