Laura Moure/Santiso
O Concello de Santiso cuestiona a atención médica prestada no ambulatorio desta localidade. "Dende fai varios meses a atención médica no centro de saúde está a ser deficiente. A falta frecuente, nesta semana foron tres días, do servizo médico que non vén, ou de facelo faino nun horario modificado, está causando moitos trastornos aos veciños necesitados de atención primaria", indica o alcalde, Manuel Adán.
O centro de saúde de Santiso. Foto: Páxinas Galegas
O mandatario sinala que isto está provocando que os veciños teñan que ser atendidos noutros lugares. "Este servizo limitado provoca que moitos pacientes sexan derivados ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Melide e a Urxencias de Santiago ou ben directamente deixan de ser atendidos", afirma o rexedor. Ante isto pide unha solución. "Solicitamos á Xerencia de Atención Primaria de Santiago de Compostela unha solución que corrixa a deficiencia o antes posible e que evite aumentar os riscos de saúde que esta situación conleva de estenderse por máis tempo", conclúe.
Comments